martes, 24 de decembro de 2024

rubicón .


 

agora que dediquei a miña vida

a abafarme en cada paso

a hedra que abraza a cortiza

as promesas descalzas

chove en min dentro

agora que dediquei a miña vida

a negarme a min en cada momento

ningún camiño quixen rematar

para non volvelo a desandar

e estas flores que abrazo morto de frío

choran por non pedirlles permiso

antes de cortalas

para seren o meu abrigo

agora que hai rúas desertas

para berrar para chorar

para pelexar polo que che doe

para transitar

para abrazarse á palabra ardente

agora que empequenecéchedes a poesía

e con ela todo o que desaparece.


 

 


venres, 1 de novembro de 2024

santos.


 

rameira e desagradecida morte

que te esgana

entre vómitos e náuseas

so de mirala

tan fría e sen piedade

que ata os santos prefiren

que os lamba unha serpe

sempre será a maior tristura

que encha a túa gorxa

un fedor pestilente

que de súpeto asalta

ao teu entendemento

para berrarte áspero  

que eres infinitamente cero

unha quietude que te aterra

ninguén de alí volve

pasou a hora e

o tempo e o corpo quedan inertes

non hai despedida nin ata sempre

non se lle abren as pálpebras

por moito que o implores

que ata os santos

prefiren nunha noite de temporal

cheiña de ollos en vela dos cormoráns

subir ao faro de Prior de xeonllos

abaixo desguedellándose a mar

despois de pasar por Santa Comba

acendendo unha candea á noite

e  de camiño debullando nas doas

os cen réquiems.



mércores, 16 de outubro de 2024

perfidia.


 

se a túa pregunta é

si se cumpren os desexos

non

nunca se cumpren

o mundo ten presa

por ir a ningunha parte

está retido

no guiceiro da súa alma

unha man pérfida

dispara á liberdade

para normalizar

a inmensidade da inocencia

e todos os seus mártires

para que insistir na lírica

para que trazar unha elexía

tampouco quedan oracións

para purgar tanta culpa

se a túa pregunta é

si se cumpren os desexos

non

nunca se cumpren

e iso que a vida non dura nada

agás unhas poucas causas perdidas

imaxinar cada mañá

todo o que xa non volve

e sentarse a chorar á noite

para existir como se foramos

unha táboa, unha noz

ou a cor pintada nunha parede

se a túa pregunta é

si se cumpren os desexos

non

nunca se cumpren.

 

 

martes, 24 de setembro de 2024

nun minuto.


 

volvo encomezar

o obxecto dun desexo

sen unir nin afastar


                                     a

                              caída

                      dunha

                       flor

                 que

             se

                  despide

                         do

                             seu

                                   talo

 

nunha vertixinosa sensación

algo semellante

a unha perplexidade

a unha dolorosa ilusión

para quen

non ten un anaco de terra

onde botar

os seus ternos froitos.

 

 

martes, 27 de agosto de 2024

nos montes.


 

nos montes non hai bibliotecas

e cando se vai a xente

as bestas preparan

os seus andeis

nos ocos dos carballos vellos

para gardar entre as cortizas  

as súas utopías eternas

por que as bestas non falan

do que non son

tampouco do que non ven

nin do que pensan que viron

non len como si cresen no que len

cando non len nada

as bestas

non falan nin len 

repasan os sinónimos e antónimos

e os tres tipos de ortografía

nos montes non hai bibliotecas.

 

venres, 19 de xullo de 2024

tao.


 

vexetais abúlicos

toman un café ao teu lado

vas convidalos ti

por non fartarte

mentres saen da letarxia

á luz do día

e non topan senón palabras

bordadas nun escapulario

por que sábenlles a pouco

todas as marabillas

que miran os seus ollos

un espazo que dentro deles  

non está

e no seu sitio

medra unha cunca difícil de colmar  .

 

 

luns, 17 de xuño de 2024

inmóbil.


non topo o seu nome

nin todos os motivos

polos que o destino

moi breve senta nesa laxe

sen marxe de error

cun diagrama nocturno na man

sen interface de admiración

alén que lle sabe a pouco

a amizade libre dos paxaros nocturnos

que foxen deixando abaixo a cinza mollada

para volver a fundar a súa comunidade

de miríficas aves de ollos incrédulos.