sábado, 17 de marzo de 2018

elías.


as aparencias modificables
son pedras tiradas nos camiños
das casas baleiras
dos que se foron provisionalmente
sen chegar a ser
elías mira os enderezos mudos
e na súa man posase un saltón
polo que pasa un tren
sen apeadeiro
agás un suspiro para conmoverse
e palpitar de xubilo
para que as cousas tomen nome
e mudar o seu pensamento
qué é o que se lle permite esperar
sabe que ninguén pode pintar
o azul tan puro dos seus ollos
xa non ten medo
a non ter nada
nun mundo determinado
cheo de incertezas
sen oportunidades
elías ante o seu destino
de kantiana repetición
suspira con violencia para conmoverse.




venres, 9 de marzo de 2018

aínda.


matar a historia
esta fatalidade
para resucitala memoria
contada por ti
aleitando a dor a escuras
o enigma home-muller
por descifrar
as vidas que choran
a nosa consanguinidade
unha dura supervivencia
aínda lonxe
da fraternidade dos sexos
por obra e desgraza
da frixidez do pasado
un alimento que produce fame
que soterra o amor
e sementa a traxedia
que sega o futuro
e constrúe un templo en ruínas
un soño rematado
matar a indiferenza
para que caía o protagonista
para que exista a decencia
para vivir nun universo común
para habitalos mesmos intereses
os mesmos espazos
vivir ou morrer ese pasado
para vivilo futuro en igualdade
e precipitar a morte desta decadencia
por que ti non es
o que o home quere que sexas.