mércores, 31 de decembro de 2014

aninovo.


o sol esperta a superflua humanidade
como un maior pretexto
para cambiar a roupa
e encomezar un aninovo
coas maletas na consigna
para recollelas noutra data
non hai papeis nas rúas para apañar
nin bancos no parque
onde se deiten a pensar os viandantes
nin chaves no fondo do mar
quen vai a mercar fai que lle deron a volta
e mete a man no peto
só a man
detense un instante
para acariciarse tenramente a perna
e saber que aínda esta vivo
como  é preciso abreviar para vivir
homes e mulleres cigalas
comparten mesa
con homes e mulleres nécoras
seres adictos  de favores por corresponder
e cheos de conviccións nunha noite mística
na que so os que non saben nada da vida
poden esperalo todo
unha gran familia con algún segredo
por coñecer
quen modelara a árbore
cando volvamos a vernos nos mentiremos
e faremos que nos creemos
como nunha noite de aninovo.

luns, 1 de decembro de 2014

un país.


érguete  e contémplate
tes moitas terras por traballar
e un gran colar de ríos lles dan de beber
mentres nós morremos de sede
as rás nadan nas túas augas
non se aprecia a fortuna
por máis que se vote de menos
crin que nos amabas
pero so amas a túa equivoca beleza
detívenme nun camiño
a sacarte as sandalias e lavar os teus pés
cheos de po e fango
e ti agasállasteme cunha labazada
co teu cabelo sobre a miña cara
todo o que dis doe
e o teu amor polos teus súbditos
é unha infidelidade
votaches aos nosos fillos á súa sorte
noutras terras lonxe e alleas
por venderte aos ignorantes
aínda mudo e cego
segues ordenando as nosas vidas
e convidando aos teus banquetes
a tódolos indignos
érguete e contémplate
sen buscar unha escusa
así desagradecido e humillante
despois de deixarnos
cando aínda sentiamos amor por ti
e te buscabamos no noso leito
para topalo baleiro e frío
obrigados a ter que fuxir
como ladróns no noso propio pais
perseguidos polos nosos pensamentos
como amantes apaisanados
rehuindo de nós mesmos
ante seres administrativos e invisibles
un dos dous debería morrer
para que vivira algo
para que a túa terra
dera de comer a tanta pobreza
que obrigas a esconder
mentres outros e outras
comen do teu banquete e as túas risas
o perpetuo triunfo da miseria
a abundancia para os porcos

do teu Pais.