venres, 26 de xuño de 2015

xanciño.


viño ben amado
non digas nada
nesta ensoñada noite
o noso facho
é esta fogueira
onde se queima
todo o que non nos deixa gozar
mundo non te quites nada!
déixate desmaiar
ata que amañeza
os peixes de salvia e menta
dentro do cacho
para lavala nosa invisibilidade
esvaecida como un soño
ata que esperte
non digas nada!
a onde marchaches co lume
e as linguas vermellas
a onde fuches despois de falar!
levas escritas as palabras
no teu peito
e o aire pechado sobre el
canto máis foxes
máis me topas ao teu lado
para facerse máis longos
os días e as noites
ata que volvas outra vez
xanciño!
se somos nós quen se queiman
na fogueira
para volver a arder!
sen esta xenerosidade
non seriamos ricos
viño amado!
non digas nada esta noite
sen presa
para saciarte neste vaso
e bebelo solsticio
que a túa xerra esta a encher.