mércores, 23 de xaneiro de 2013

supón.

 
sufro como se o estado matara aos nosos fillos
cunha frecha que leva na súa punta
tatuada unha suposición
para axitalo corazón tódalas noites
eran o mellor que tiñamos neste mundo
pertencían aos dous
froito dun amor que se antollaba invencíbel
os camiños abríanse so con enfocalos ollos
a luz do día pousábase enriba das nosas mans
para falar do futuro
por que o futuro pintabámolo
de cores claros e luminosos
tampouco nos deron outra posibilidade
agora cando máis insistimos
en volver a pintalo lenzo
máis estraños nos sentimos o un para o outro
observando impávidos como
vaise derrubando o pasado o presente o futuro
non é posíbel o consolo nin piedade algunha
para quen rouba os soños
como fixeron con nós
condénaos antes de xulgalos
condena a ausencia de caridade
a preocupación so por un mesmo
a propia comodidade
a posibilidade de salvación
é o egoismo a expresión de todolos rostros?
non hai tantos deuses para redimilos todos
sen embargo abonda dicir
que estou ferido e dóeme o peito
de soster todas estas noites cravada nel
unha frecha despiadada
unha suposición
como se o estado matara aos nosos fillos.

xoves, 3 de xaneiro de 2013

sorrí!.


un ano nace das cousas absurdas
sen expoñelo á tentación
un pecado glorioso
queimala leña que nos queda
por facer algo
atravesala man deserta
camiño dunha noite mediocre
un ser honrado
unha comedia a representar
esperando  a tormenta
para en vano axitarse
presos pola pereza
máis obrigados polo egoísmo
inmobilizado o espírito
nos tiques das areas comerciais
prometéronme o fin do mundo
mentres repartían a tarta
comesta con culleres diferentes
para non contribuír a ningunha vitoria
podemos cambialas palabras
máis os xestos nos seguen delatando
o fin do mundo esta nos museos
nos cadernos  esquecidos
nos fogares desahuciados
como unha continuación do pasado
non é o que fomos antes
é o que somos agora.