os ximnastas so fan cousas rítmicas
como os peixes nadando
as moscas voando
ou coma os pésames
os chinchos ocupando
todo o espazo dos veráns
tan lexitimo como todo o
contrario
ou a terra que por ser
inmensamente fermosa
murchase cando se pisa
e o que parecía inmortal
esmorece á vista dos
moradores
incrédulos
ao longo do día
os brigadistas
miran non sei que horizonte
para apagar lumes alleos
e pasar de heroes
mentres dura o incendio
e despois que se apaga
a ser uns miserentos
ao longo do día
non hai nada determinante
non sendo as consecuencias
dos actos
para os que viran mais tarde
xa non quedara voluptuosidade
para poder tomar conciencia
nin ritmo nin canto
tan vago como o que non
espera nada
todo isto xa o debeu de ver alguén
nalgunha parte
xente comendo e bebendo
posesas
nas festas inacabables
xente matándose por un anaco
de area
xente matando o pouco de
terra
que nos queda
non basta con aniquilar o
outono
e a primavera do calendario
incluso dentro de nós
e deixarnos enganar
por tódalas súas ficticias certezas
ao longo do día
os brigadistas fan cousas
rítmicas
desgrazadamente rítmicas
crer o que non son
facer o que ningún gremio
faría
enganarse en van
poñer o egoísmo por diante
ou acomodarse á miseria
ao longo dos días
os brigadistas son
unha sorte kafkiana
os brigadistas non apagan
o verdadeiro lume cos queima.