luns, 17 de maio de 2021

xela.


DÍA MORTAL

Todo, todo semella familiar:

os insultos da amante, as forzadas

alegrías dos instantes

máis perversos,

todo semella familiar, os bicos

educados e chagas nas barrigas despistadas,

todo semella familiar, ti cando te achegas e lle anuncias

o imposible de ilusos apuros ás caricias,

todo, todo semella familiar

cando o desterro nos deixa como balas

a medio camiño cara ó obxectivo

Suspendidos.

Se hoxe che espetasen a navalla entre os labios e ata os brazos

tamén...;todo semella familiar.

Non é xusto que destroce estas veces a balazos

de confidencias.

Nin que espere que comprénda-la demanda

de certos inconclusos ademáns.

Querería de ti...¡un rito!

(Que incumpriría.)

¡Unha mentira!

(Que denunciaría.)

É por iso que reviso a teoría

e prefiro

as túas mans cando están quentes,

a túa lingua

cando non sabe de idiomas no arquipélago do meu corpo,

as túas palabras cando medran

como os vexetais (por auga e sol)

e non precisan abonos de razón.

Non é xusto

Amar unha parte de ti e abrilas todas.

Déixome regresar coma gata á túa boca e apouséntome nela,

non querería caer de ti.

Coma hoxe

no meu corpo xúntanse as túas mans facendo historia,

as miñas inclinan nas túas costas os abrazos desde a infancia.

Agora nós,

corpo que añoraba cando morriamos,

de cada vez.


Xela Arias.