DÍA MORTAL
Todo, todo semella familiar:
os insultos da amante, as forzadas
alegrías dos instantes
máis perversos,
todo semella familiar, os bicos
educados e chagas nas barrigas despistadas,
todo semella familiar, ti cando te achegas e
lle anuncias
o imposible de ilusos apuros ás caricias,
todo, todo semella familiar
cando o desterro nos deixa como balas
a medio camiño cara ó obxectivo
Suspendidos.
Se hoxe che espetasen a navalla entre os
labios e ata os brazos
tamén...;todo semella familiar.
Non é xusto que destroce estas veces a
balazos
de confidencias.
Nin que espere que comprénda-la demanda
de certos inconclusos ademáns.
Querería de ti...¡un rito!
(Que incumpriría.)
¡Unha mentira!
(Que denunciaría.)
É por iso que reviso a teoría
e prefiro
as túas mans cando están quentes,
a túa lingua
cando non sabe de idiomas no arquipélago do
meu corpo,
as túas palabras cando medran
como os vexetais (por auga e sol)
e non precisan abonos de razón.
Non é xusto
Amar unha parte de ti e abrilas todas.
Déixome regresar coma gata á túa boca e
apouséntome nela,
non querería caer de ti.
Coma hoxe
no meu corpo xúntanse as túas mans facendo
historia,
as miñas inclinan nas túas costas os abrazos
desde a infancia.
Agora nós,
corpo que añoraba cando morriamos,
de cada vez.
Xela Arias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario