xoves, 26 de outubro de 2023

abstracto.





escoita como se aman os xabarís

entre lama e bafexos

suando o fento e o solpor

dos simbólicos sendeiros

mágoa que dende unha illa

de carqueixas próximas

polo seu periscopio

os observa un cazador

escoita como se aman os xabarís

e desvía a lente cara o ceo

levando a vista

a conversas que lembra

soños que esquecera

a auga do rego

baixa con forza

por que chove

e como non ve o solo que pisa

esvara e cae

tocan as campás a hora

alá na aldea

e como se parecera que alguén

ao outro lado da porta

o estivera esperando

vaise voando reirrei

escoitando como se aman os xabarís.