sábado, 31 de decembro de 2022

nobis.


 

ora por todos

para que o silencio poda discernir

os erros que cometemos

para que nos chame

no bico do noso ouvido

por outro nome

para identificarnos por alguén

que non está aquí

e que rompe as túas entrañas

a alma que sae da terra

e que nos sorprende

esta derradeira noite

todo o que miras morreu

todo o que non ves

morrera tamén

só es libre

cando amañece un novo día

cando volves a atoparte

cando te intúes sen verte

cando o que mastigas

sabe a todo aquelo que quixeches.

 


venres, 9 de decembro de 2022

o teu.

 


se o aire xélido non debuxara

nas nosas caras un xesto obsceno

non sería de mañá

tan cedo

para enmudecer as gañas

de morderlle ao día que comeza

co canto da perdiz

batendo as ás no seu territorio

mentres permanece en si

tan cedo

amortallando os nosos pensamentos

desencantando ós negros espíritos

e ás súas débedas contraídas

unha paisaxe que nunca murcha

espectros perfectos

ao outro lado do teu

un fío condutor que nos une

dende o principio ao noso guía.