venres, 14 de decembro de 2018

alcaiota.


e si………….
cun broche de falso metal
cheo de corre ve e dille
alimentas coa túa lingua
o animal miserento e insaciable
un macaco que transita
pola túa cabeza
e ménteslle dicíndolle
que non toma parte
nesta triste debacle

nunca te miraches tan bela
dentro do teu espantoso engano
pensas que eu non sei
da túa presenza
mais ese odio que inventas
non che deixa vivir
aínda que te vistas de seda
e si………….
viñeches a cambio
de non querer verme diante
ese acordo que acadaches
de non pensar 
na febre do corpo 
na vida que nos queda

pero todo ten unha razón
para estar
incluso a túa inutilidade manifesta
e si.............
tentas retrasar por máis tempo a túa hora
xogando ás agachadas
para seguir exercendo este aldraxe

non nacen flores en decembro
por máis ca ti as imaxines
nin toda esa grinalda de sapos
que adorna a túa ilustrada cabeza
e si.............
pensativa aínda podes
frotar ditosa a túa bandexa
onde serves os teus fiambres
para ofrecerllos ben mortiños
aos teus agradecidos comensais.



venres, 16 de novembro de 2018

cristiñade.


o vagar deixouno todo
mentres o san martiño
parece aloulado
e unha alfombra
intacta que tece o outono
consola co seu perfume
a terra de cristiñade
de ortodoxas néboas
río enriba en lene alzado
ata onde empeza o mundo
sublime e ceibe
as imperfectas alegrías
que tingue o corpo
o fedor da fame
un apetito perfecto
na memoria
como a terra fumegante
mirando apiadada
ao ceo húmido chuvioso
que lava a pel da cepa vella
mentres sen tempo
conversa coas súas  follas mortas
unha alfombra que tece o outono
para falar da ebriedade
antes de saciarse dela
non é alimento senón vertixe
a ebriedade da terra
e tódolos seres que transitan
debaixo do seu manto
que non é so o seu camiño
senón saciar a súa fame
tódolos días cando remata a tarde
na terra de cristiñade
as pedras dos muros antigos
apáganse
para gardar un pouco de vós
o voso verdadeiro abecedario
que agora deletrean os corvos
nas polas das árbores
mentres van pasando debaixo
as vosas almas espidas
para saudar á ausencia
nas lívidas noites
esvarando os seus pés figurados
no musgo dos estreitos camiños
escoita!
onde vai a antorcha
onde vai a antorcha
e a luz que vos guiaba.




luns, 22 de outubro de 2018

a causa.


díxolle:
toma toda a terra nas túas mans
e el quedou calado
para logo mirar con arrepío
e nomear a súa apatía
a nostálxica mirada do político
perdida nas fachadas
das vellas pensións de transeúntes
dos arrabaldes das cidades
para amar aos homes
canto máis miserentos máis belidos
canto máis belidos máis covardes
unha canción convertida nun drama
tódolos instantes fuxidos
todo o progreso truncado
tódalas formas de producir
o fedor que apesta á falta de prosperidade
todo o que impide dicir vosoutros
todo o que fai aos homes
inimigos de si mesmos
todo o que nos fai repetilo pasado
aprazalo tempo
para converter as peores covardías
o pobre aborrecer
do novo político
a súa división coa realidade
a incomprensión perpetua
da súa pertenza á súa crase social
para poder amar aos homes.



xoves, 4 de outubro de 2018

e.



como nun momento de confusión
acurruqueime para tentar
volver ao teu ventre
e triunfar sobre o meu corazón
pero a noite estaba moi avanzada
e eu esquecín darte as boas noites
non te acordas
cando estudabamos xuntos dasometria
e os números respondían aos números
como o amor responde ao amor
aínda nun terreo sen construír
pero si a alma humana
imaxina con mais facilidade a beleza
tanto como as tenues mentiras
a terra é máis grande
por que o contan os paxaros
por que voan
coa súa memoria perfecta
e alguén dende unha atalaia
confesara a súa gloria
sen un mísero vaso de auga
co que enxaugar os seus labres
enriba dun pobo illado
e proseguira con inmensa tristeza
para que non quede entre nós
ningunha mentira
e sobre as nosas mans
ningún árido deserto
que belo debe ser todo isto!
e poder preocuparte dos teus fillos
e triunfar sobre o teu corazón.


venres, 28 de setembro de 2018

téntame.



si me axudas a crer
nos encontros evocados
esquecerei por un instante
que o porvir esta cheo de pasado
nunha folla ao azar dun libro
para saciar esta inquietante  travesía
e caer dende un pensamento
moi alto
téntame para non repetirnos
axúdame a crer
que é máis importante mirar
que o obxecto mirado
que é mellor improvisar
para salvar un embarazo
e que so pronunciaremos  
os nomes propios
por que non hai
nada mais que imaxinar
que cando me tentas
axúdasme a crer.

mércores, 22 de agosto de 2018

ao longo do día.


os ximnastas so fan cousas rítmicas
como os peixes nadando
as moscas voando
ou coma os pésames
os chinchos ocupando
todo o espazo dos veráns
tan lexitimo como todo o contrario
ou a terra que por ser inmensamente fermosa
murchase cando se pisa
e o que parecía inmortal
esmorece á vista dos moradores
incrédulos

ao longo do día

os brigadistas
miran non sei que horizonte
para apagar lumes alleos
e pasar de heroes
mentres dura o incendio
e despois que se apaga
a ser uns miserentos

ao longo do día

non hai nada determinante
non sendo as consecuencias dos actos
para os que viran mais tarde
xa non quedara voluptuosidade
para poder tomar conciencia
nin ritmo nin canto
tan vago como o que non espera nada
todo isto  xa o debeu de ver alguén
nalgunha parte
xente comendo e bebendo posesas
nas festas inacabables
xente matándose por un anaco de area
xente matando o pouco de terra
que nos queda
non basta con aniquilar o outono
e a primavera do calendario
incluso dentro de nós
e  deixarnos enganar
por tódalas  súas ficticias certezas

ao longo do día

os brigadistas fan cousas rítmicas
desgrazadamente rítmicas
crer o que non son
facer o que ningún gremio faría
enganarse en van
poñer o egoísmo por diante
ou acomodarse á miseria

ao longo dos días

os brigadistas son
unha sorte kafkiana

os brigadistas non apagan
o verdadeiro lume cos queima.



venres, 13 de xullo de 2018

domingo, 10 de xuño de 2018

gárgola.



teño o fervor que aperto
contra min
e un manto de musgo
mirarte a ti
como ti me ves
noutro concepto marabilloso
nas metamorfoses
metade animais
metade pecado
tan grotesco coma benévolo
cando todo o que tes
cheira a algo
e parece que estamos ocupados
cando diminúen as voces
e enumeras todo o que es
para morder unha nube
que pasa
ou no olvido dos veciños
nunha estraña calma
nos ollos dos outros
sumidos na contemplación
eu son unha gárgola
que se impacienta
entre dragóns e demos
espidos e fríos
con ás e rabos
e grandes orellas
esperando á choiva
para botarte auga pola boca
despois dun consolo infinito
entre tantas quimeras
nun grande gurgullo gastrocéfalo
pola lingua que me esculpiron.



venres, 11 de maio de 2018

irmá.


eu tamén estou buscándome
entre todos os meus retratos
cando a conxuración
parece o mais adecuado
un golpe de vista
un cabalo desbocado
daquela estación dividida
que afastou as nosas mans
un medo profundo
un tremor exaltado
e teño que confesar
que busco entre os vestidos
o que me permita ser
o meu propio actor
irmá mírao ben
aínda que se apodere de min
unha intransixente angustia
todos estes anos tragando saliva
xa non hai principiantes
como si todos coñeceran o final
e non existira o inesperado
rezar para que volva a infancia
os significados queridos
para saquear a vida que nos ofrecen
adoecida de curiosidade
irmá mírao ben
quen ten recordos?
se non son enterrados
para cambiar o seu rostro
con estraña rapidez
como dentro dunha estampa
dun falso santoral
onde a sangue permanece durmida
e resulta moi difícil a simplicidade
pero irmá mírao ben
agora achegouse a primavera
todo luce como novo
as terrazas como antes
seguen alegres
a salvia florece e embriaga
e os coleópteros con sorna
volven aos seus recordos amorfos
onde non hai resignación
por que viven para comprender
que o amor de dous corpos
non é unha sinal para asaltar
a súa felicidade.




domingo, 22 de abril de 2018

solanácea.



esperando á mañá
por remirado orde
o meu ben
son flores brancas e violáceas
debuxadas nunha leira
xa na noite burlada
asomaban os seus androceos
na auga dunha almofía
ela cun traxe saído dun pedicelo
non sabia a quen adoraba
na súa memoria diseminada
este florecemento súbito
ante a miña disgregación espontánea
ven aquí díxome
esta noite imos contar a miña fortuna
eu esperaba coa miña mirada
e os alacráns cantaban
do ceo baixaba un piropo a buscala
e sen esperanza
vagaba arredor da miña casa
un cáliz cos seus pétalos
eu inmóbil imaxinaba
que cun soprido a elevaba
a pobre tiña que irse
antes de que amañecera
cos seus acumenes ergueitos
dentro da súa flor da pataca.


martes, 3 de abril de 2018

lamento.



como na trama dun conto
acariñei con forza
un artificio
para que non sirva de nada
toda esta sinceridade
para apropiarte das miñas palabras
e darlle o teu significado
por que non son coma as túas
para botarme os teus porcos
contra a miña denude

se non fora tan grande
o que nos une
pensaría  que non somos semellantes
e aínda así tería que vivir

entras dentro de min
para deixala porta aberta
ti dormes ben
por que o teu reloxo
non ten agullas

pero que poder ten a vontade
se rompes o bastón que a sostén
intento escribirte
aínda que non teña nada que dicir
todos necesitamos algunha vez
unha nova vida
unha nova oportunidade
aínda que para outros
non sirva de nada

non deixo de ser eu
non te asustes
como a verdade dos contos
que na infancia te lía

quizás chamei ao inefable
polo seu nome
e xa síntome a gusto con el
e espero un correo
que nunca chega
é licito ter medo
cando o que é non é o que era

debe de ser todo máis sinxelo
para topar a clave
pero non pensamos
solo facemos que pensamos
e estamos outra vez
dentro do espello
vendo como rebousa a copa
sen enterarnos
como corremos ao encontro
e tropezamos

pero esquecemos esas cousas
pois nos interrogan
todo vai máis lento cos recordos
e eu non sei escribir
son tantos os detalles que faltan
e a realidade é tan lenta

e aínda es ti
quen despreza a miña sinceridade
quen apaga a luz
para non querer saber
como se pode deixar ás persoas
coma se foran xarróns
suxeitos  inventados
que nin dentro dun libro
están a salvo
por que só poden salvarse na inconsciencia.



sábado, 17 de marzo de 2018

elías.


as aparencias modificables
son pedras tiradas nos camiños
das casas baleiras
dos que se foron provisionalmente
sen chegar a ser
elías mira os enderezos mudos
e na súa man posase un saltón
polo que pasa un tren
sen apeadeiro
agás un suspiro para conmoverse
e palpitar de xubilo
para que as cousas tomen nome
e mudar o seu pensamento
qué é o que se lle permite esperar
sabe que ninguén pode pintar
o azul tan puro dos seus ollos
xa non ten medo
a non ter nada
nun mundo determinado
cheo de incertezas
sen oportunidades
elías ante o seu destino
de kantiana repetición
suspira con violencia para conmoverse.




venres, 9 de marzo de 2018

aínda.


matar a historia
esta fatalidade
para resucitala memoria
contada por ti
aleitando a dor a escuras
o enigma home-muller
por descifrar
as vidas que choran
a nosa consanguinidade
unha dura supervivencia
aínda lonxe
da fraternidade dos sexos
por obra e desgraza
da frixidez do pasado
un alimento que produce fame
que soterra o amor
e sementa a traxedia
que sega o futuro
e constrúe un templo en ruínas
un soño rematado
matar a indiferenza
para que caía o protagonista
para que exista a decencia
para vivir nun universo común
para habitalos mesmos intereses
os mesmos espazos
vivir ou morrer ese pasado
para vivilo futuro en igualdade
e precipitar a morte desta decadencia
por que ti non es
o que o home quere que sexas.


luns, 26 de febreiro de 2018

inválidos.



cando raie o día
podedes seguir mandándome
un inútil recado
ou un ramallo de nonmesquezas
tecer unhas pesadas trenzas
para levar na cabeza
para meditala distancia
que entre vós e eu queda
para non quitarme
de enriba este peso
para seguir malvivindo
estes derradeiros días
cando raie o día
que me fai estar ausente
de tódalas delicias
quen nos recoñecera mañá
se non é a alma da poesía
co seu cálido éter
cando caian os canastros
voltara a vir á nosa memoria
a semente que garda algo de nós
e fartos de ser submisos
conforme ao falso amor
que profesades
nas paredes onde as vosas sombras
acougades
para que as alimente o aire
fartarémonos dunha gran mentira   
a falta de esperanza
para seguir mantendo
as nosas lacerías.


venres, 2 de febreiro de 2018

hebdomeros.


entre os piñeiros mártires
nunha plataforma
o rei lear sorprendía aos paxaros
perdendo a súa humildade
ante a mirada insólita
dun matrimonio etrusco
pero á forza de permanecer sobre ela
de bruzos petrificouse

a hebdomeros inquietábanlle
as cabezas dos paxaros
o mal polo mal
xogar ao fútbol cun zapato vello
para perder a nostalxia
para ser como os demais
e non podía ser certo
svetonia! esvetonia!

fíxose a luz na súa mente
fuxir si fuxir fuxir a onde fora
fuxir como fora pero fuxir
agora cas sombras dos reloxos
marcaban a media noite
correr como os cans
dos homes mudos
entre as ringleiras de traficantes

sifilíticos ou blenorráxicos
entrenados no difícil xogo
de dobrar o ángulo das súas miradas
para deixalas sobre as paredes
disecadas de escorzo
cando as velas negras dos piratas
aparecían
e da única arma que se falaba
era do cañon
por que ninguén tiña un na súa casa

historia mentres sentábase nunha nube
e mercurio voando miraba cara abaixo
axitando o seu caduceo
ante o aburrimento dunha vida ordenada
de balcóns cheos de pedantes
de seres que non morren de gozo
ou aos que lles invade a seguridade
de recibir na hostia ao Deus no que cren

aquela noite hebdomeros
volveu á súa casa
para durmir o soño dos xustos
pero deuse volta no seu leito
e ela faloulle da inmortalidade

xamais pensaches na morte
da miña morte?

hebdomeros deixou de pensar
ante a brisa de aquela voz
foi lentamente cedendo
deixándose de todo
para recobrar outra vez forzas
para recibir un so golpe certeiro
para pechar o derradeiro elo
co separaba da gloria.


sábado, 27 de xaneiro de 2018

nicanor adeus.


alá con Rimbaud e Budelaire
coas almas da clase media
nun ceo por magoa capitalista
con anxos nerudianos
so cambiando os decorados
para ser o mesmo momo
servíndovos en pratos finos
os delicados friames dos poetas
para non perturbar
os vosos amortallados corpos
xa non hai que lembrar as tradicións
como ti dicías
son tíckets e boletos de feira
xa pouco o nada importa
non é que non se poda dicir
é que non se di nada
en falso vivimos é certo
neste modelo absurdo
aquí abaixo
neste mundiño cheo de mascaróns
que nin denuncia nin esperanza deixan
nin cren nin din nada
por mais que escribir tentan
senón os seus cínicos artificios
coas súas solemnes fachendas
deixádeme rir!
mascullan entre eles
as súas boubas poéticas
para pasar a posteridade breve
sen conduta
sen cambiar modos de ver o mundo
salvadores de todo prexuízo
sen cambiar unha soa letra
non se pon nada que non se deba
pois non entra nos seus dous minutos de grandeza
esta ben así!
non hai salvación nin se quere
para o resto dos mortais
mentres alá arriba vós degustades
as virtudes da morte e os friames
permitídeme
que aínda que non teño velas
para este enterro
rir como un antipoeta
acaso vivir no caos
entre tanta fame e miseria
é crer que non xira a terra?.



venres, 12 de xaneiro de 2018

brúa.


brúas por non saber esperar
dormes
por non saborear a felicidade
por que che parece irreal
mátaste antes que desexar
o deserto
Deus espera co denuncies
e por medo á dor
sementas unha veiga
de almas ausentes
os homes fortes non teñen coidado
de manterse
os demais deciden
para crear cidades
onde non deberían de existir
as que ninguén ven a soñar
para  que ti sigas renunciando
cada ano a unha vida máis digna
non para curar aos cegos
se acaso para co teu quentador funcione
non para alimentar a catro mil
senón para escoller o tipo de leite
non para resucitar a Lázaro
e á desgraza chámaslle casualidade
aos pés da cama para sentir a emoción
de ser o ladrón da túa vida
acosado por ti mesmo
máis  para dubidar un momento
brúa
co medo produce mais proezas ca valentías
por exemplo
Deus espera co denuncies
deixa de  atormentarte pola incertidume
brúa por que canto máis o fagas
máis aumentara a sede do teu bruído
por que Deus sigue calado
esperando co denuncies.