luns, 26 de outubro de 2009

o túnel


ás veces detéñome sen máis
sen contar con elo
fágoo por que si
sen topar ningunha razón
e póñome a falar cas paredes
se son brancas mellor
e escunchadas, antigas, caleadas
cun cadro que se titule maternidade
con unha soa ventá
que me leve á miña infancia
e a poder ser que teñan unha álcena
e ao primeiro golpe de vista
o solo se xunte ao teito
e aló enriba pendure un cravo
por se alguén quere colgar algo
a capucha dun verdugo
o cinto dun axustizado
a garabata dun maxistrado
o gentleman dun cura
a cofia dunha monxa
a bata dun medico
a paleta dun pintor
o amor a min mesmo
ou a miña camisa de forza
as veces detéñome sen máis
nun flashback buscando o absoluto
e non lembro que viña facer
collo unha folla de cor vermello
e nervioso non sei onde metela
mentres me acorda que onte
metín nun bote esta calor
que sinto agora
e logo saco o prospecto
e leo atentamente
que dos posíbeis síntomas adversos
esta non ter lido a certa idade
o túnel de sábato
quedando despois desto
un pouco máis aliviado
e penso que ata fai un anaco
aquí onde sinalo había unha casa
un can, un home, unha vaca
a soidade o desamor, os ciumes,
o odio e a desesperanza.
non perdón, un atisbo de esperanza.

venres, 23 de outubro de 2009

credo


por confiar
confiaba en que un rato podería cazar a un gato
e compartir os mesmos gustos
deixándome traizoar e ser inxenuo
e esquecer o que o cerebro estábame a dictar
se che digo que confiaba
que a confianza non se pode ver nin medir
e que a fame abre a miña boca
como unha estrada sen saída
se che digo que fun inxusto
que a confianza non se pode ver nin medir
nin pesar nunha balanza
estes días son para min os máis duros
esa noite non puiden aguantar máis
fun unha sombra que tapada por outra sombra
esperaba confiada ao desconcerto
e fun inxusto seino
pero de non ser así que seria do reino animal
a ruda tódolos males cura
o patrón confía en min pero non me da traballo
a diferencia entre claridade e escuridade
e o pouco ou moito que teñas baleiro o estómago
e o corazón encollido
e a conciencia doutros
por elo volvereime meter dentro da sombra
a esperar ao vento cazador
e volverei a ser inxusto, xúroo
por que agora aínda querendo confiar
sei que un rato non podería cazar a un gato
e a confianza non se pode ver, nin medir
nin pesar nunha balanza
ratos e falsos amigos foxen cando escoitan ruído,
como podo negarme a miar
e afastar de min este ratume.

venres, 16 de outubro de 2009

ceo


agora que é todo diferente
cas portas están pechadas
con coidado
que o único ruído es ti
non te asustes
quen senón o entendería
pensa se tiverámolo que facer
quen entendería o por que
e todavía é máis sinxelo
debuxar no fume un castelo
ou tirar un búmerang e que non volva
tódalas escadas que subimos
teremos logo que baixalas
pero tampouco imos pensalo agora
cando é de noite non berramos
nin estrañamos, nin mirámolas estrelas
parece que levamos moito tempo aquí
aquí abaixo esperando
pero tampouco é certo
cando pasa por diante un ser humano
é algo imposíbel
unha oración a destempo
embriagarse mentres outros morren
agora que as portas están pechadas
e todo parece gardado en silencio
mentres o desencanto cúbrenos como unha tea
non podemos deixar de tentalo
o soño libera ao prisioneiro
e todavía podo darlle algunha puntada ao corazón
ver ao ceo e esperar a pedir un desexo
non quero dicir nada de ti
de min fai tempo que non falo
só queda gardar nos caixóns os petalos de rosa
para que o tempo os murche
e logo facer con eles un pentagrama
que arda na mesma chama que arde un cando ama
e deixar que luza a luz inesgotable
pois sexa: ser amado é pasar, amar é permanecer.

domingo, 4 de outubro de 2009

outono


¡oh ti irmán outono!
que es o descanso terreo
o noso refuxio
e que tan cedo dispós
a túa atención aos nosos rogos.

¡oh manto de putrefacción!
cando estamos felices
non te recordamos
nin falamos dos teus beneficios
da túa natureza abundante.

¡oh arbores espidas!
alumeade os nosos espíritos
e prestade atención
ás nosas suplicas
axudádenos neste inferno
onde golpéanos incesante
o indeseado sufrimento.

¡oh follas caídas!
liberarnos das ataduras
e da opresión
e das forzas demoníacas
e apagade tódolos exércitos.

¡oh terra ocre!
líbranos de tódolos desastres
e epidemias
e axúdanos a obter
a riqueza do coñecemento.
cando nos aterrorice o engano.

¡oh nesta época escura!
amósanos o camiño idóneo
e afástanos do desequilibrio
dos catro elementos.

¡oh sagrado outono!
teus devotos e seguidores
esperamos purificarnos
neste gran banquete
que nos ofreces.

¡oh noites longas!
días de choiva e frío
néboa, humidade
leña e fume
sol único e nidio
noz protectora, colar de castañas.
sangue da matanza e viño.

¡erguede os vosos corazóns
a esta profunda suplica!.


(pregase recitalo antes do amañecer ou se non se puidera así, facelo ao anoitecer de tódolos días de outono).