mércores, 29 de xullo de 2009

alicia


estou aburrida
nada do que me arrodea
esperta o meu interese
dádeme xa o abano
o beberaxe e o pastel
¡que sensación máis rara!
a raia que cruza o trapo
non é o río miño
é unha eiruga azul
que asegura toparse
entre o yang e o ying
coma no conto de alicia
eu tamén quero
un gato chesshire
para que sexa
o meu conselleiro
e mestre
dádeme xa o abano
o beberaxe e o pastel
deixádeme caer
no interior da terra
para coa miña chave
abrir tódalas
portas que nos pechan
estou aburrida
tanta indolencia
non esperta
o meu interese
prefiro escoitala eiruga
que xogar toda a vida
a minguar ou crecer
embutida neste traxe absurdo
repugnante e hipócrita
como se estivera
a esperar un veredicto
dádeme xa o abano
o beberaxe e o pastel
nin cerrando os ollos
volvo ao pais das marabillas
aquí tamén temos
coellos cor branco
con ollos rosas
peregrinos que desfilan
con coroas de flores murchas
na cabeza
e un grande excedente
de chisteras
e a política linguistica
¡que sensación máis rara!
a deseña un falso sapo concho
bilinguista harmónico
dádeme xa o abano
o beberaxe e o pastel
que aínda habemos
de saír como no século XVIII
na estrofa do coello branco
no european magazine.

mércores, 22 de xullo de 2009

apetito


ata aquí
ninguén chegou
penso
cando te toco
e ábresme o apetito
que lévame
por un pasillo
onde ao final
nunha habitación
de mármore
sorrí unha cariátide
ao choro
dun coro de nenos
cando trato
de explicarche
a palabra intriga
acelerase
dentro de min
o fluxo sanguíneo
mentres espero
unha razón biolóxica
tratando de adiviñar
se estamos
no mesmo hemisferio
se é de noite,
noite
e de día,
día
no mapa
do teu cerebro,
ata aquí
ninguén chegou
penso
cando non toco
o teu rictos jonico
na procura
dun principio único.

martes, 14 de xullo de 2009

lorenzo


sei que así é case
imposíbel pensar neso
dentro desta torre
de bronce
dende onde non miro
a terra
se non fora
un estado espiritual
do organismo
o mesmo vento
que me axuda a voar
afogaríame
nos seus brazos etéreos
sei que non é suficiente
para desculparme
e prefiro renunciar
a todo consolo
neste interrogatorio
ao que me someto
e que por vontade
vou facéndome preguntas
como se foxen as ultimas
como se mañá
non fora a espertar
e o que acontece
no meu cerebro
vai mudando
como as follas
caducas das arbores
sei que así
é case imposíbel
pensar en elo
a véspera do meu
matrimonio
co sentimento divino
bañarme nas gotas
de ouro
que caen da metamorfose
de zeus
sei que non abonda
para desculparme
que queira razoar
para conquerir estados
verdadeiramente sentimentais
para despois ser arroxado
ao mar dentro dun cofre.

martes, 7 de xullo de 2009

cortizo


nun cortizo
cheo de cera
e sen poder moverme,
así é como me sinto
cheo de aguillóns
ferinte
e sangrante
sen poder facer nada máis
que aspirar a dor
e mastigala
moi lentamente
as mentiras
para no afogarme.
como un cortizo
cilíndrico escuro
e de sobreira
co corpo inclinado
para non danarme,
abrasado pola calor dentro,
so liberado
polo batelas ás sufocante
dos tánganos
detrás da raíña
para fecundala
mentres as obreiras
aliméntanse
de pan de abella
despois de recorrer
tres quilómetros
en busca de propóleos e
colocalos nos hexágonos.
como nun cortizo
hermeticamente pechado
cos labres cosidos
e os ollos vendados,
para non ouvir nin ver
nesta cidade sagrada,
construción absoluta
para non dicir
ningunha palabra
que poda ser
mal interpretada,
para non dicir
nada que poda ferirte
ou equivocarte,
desexando
que a miña alma
se vaia a Jemis
mentres espero
dentro desta cela
habitáculo matriarcal
preso outra vez a nacer,
cando veña
quen sexa capaz
de abrila e liberarme
e eu de tanto esperar
non sexa vencido.
Mañá non,
¡agora!, prométechemo.