mércores, 17 de febreiro de 2016

montaigne.



caín dun cabalo
e percibín o ceo e algunhas estrelas
e unha vez lle preguntei á filosofía
de que material eran
contestoume: de ferro

xacía o meu corpo amolecido
nunha gran follaxe
nacín alí mesmo
todo o que vía era novo
creado nese instante
descubrín que iso do sufrimento
e pouco ou nada ilustrado
mais ben unha invención humana
nin tampouco que todo enclenque
queda suprimido por natureza
so os animais non alcanzan as penas
nin certa alerxia ao porvir
pero a felicidade de vivir
supera con moito
a tódolos males causados pola miseria
pois ningún dos nosos males
son necesarios si se deben so a nós
tampouco hai parte do corpo humano
máis fráxil co que conserva na memoria
as pegadas maternais

quen dixo ca sinxeleza da natureza
molesta aos teólogos?

o que foi debe de importar máis do que é
e o que é menos do que pode ser
é dende abaixo dende onde hai que vivir
rexeitando todo o que te protexe
e que por elo te escraviza
todo o que deixou de ser útil

vivimos na democracia dos vampiros
des-me-mo-ria-da
con medo á claridade
con medo aos outros
con medo a un mesmo
vampiros con medo ao diaño
con medo a Deus
un terrible atentado á felicidade
de todos

caín dun cabalo
e percibín o ceo e algunhas estrelas
e unha vez lle preguntei á filosofía
de que material eran
contestoume: de ferro de pedra ou
doutra calaña  calquera.