martes, 8 de setembro de 2020

pedras.


nacín home

como se por iso algo acontecera

para saber que os días

están feitos de pedra

e aínda estando mais de medio século

exiliado de itaca

ver que da pobreza nacen migueliños

a pesar de que alguén en paz descanse

non me deixou plantar unha figueira

mais creo agora

nas razóns que teñen as pedras

para queixarse do seu esgotador sobrepeso

nun principio ninguén era así

nin elas tan sequera

tampouco é igual unha pedra do monte

que calquera outra pedra

o que si é certo é que todas elas

de tan cansas que viven

son grandes poetas

antóllanse unha idea, un corpo,  

ou as entrañas esparexidas

nunha ladeira

para logo quedar tan quedas

que aínda que ardan polo sol

libres das mans dos que as moldean

como non teñen tristura nin dor

non se lles escurece a alma

non se moven son impertérritas.