sábado, 31 de decembro de 2011

bo soño.


víase nos ollos dos outros
sen alento coa mesma anguria
coma a aparición silenciosa
dun cazador entre as ramas

observándoo.
non se movía e o seu sorriso

era unha talla de pedra
propia de alguén que se propuxo

gobernalo seu mundo
cando todo parece estar cumprido
para sempre

so concedería un favor:

a quen enriba deste balcón roto
sobrevivirá a se mesmo.

domingo, 18 de decembro de 2011

crepúsculo.

estou fatigado
de repetila lección e mal
a causa da miña neglixencia
medrei así entre el e a miseria
ocultando tódalas delicias
estou fatigado de repetila lección
debera de aprender
a abotoar os botóns
sei de todo isto polos retratos
que miran con ansia de chorar
sen saber de que se trata
eu non son semellante a nada
seino a forza de escribilo
no peito dos floreiros
sen ningún esforzo so pensándoo
o céspede é cada vez
máis artificial
ti fuches ao ceo e vólveche
para ver nacer as rosas en decembro
sempre se ama a quen non se esquece
a quen alimenta unha boa mañá
despois dunha noite
chea de paxaros na cabeza
a quen enche de música tanto silencio
a quen endereza fíos para facer un pano
cheo de recordos
estou fatigado
de durante séculos facer o amor
en cada partícula de aire
para parir unha mirada nova
chea de significados novos
chorei para compartilo prezo
de tanta soidade
e beber o resplandor da luz dunha vela
para deitarme á beira da miña pel
neste crepúsculo
que non o podo compartir con nadie.

venres, 9 de decembro de 2011

tódolos nomes seguidos.

tódolos nomes seguidos
coma un pérfido soño
partín de alí e funme
con tódalas estrelas da noite
no peto
e unha soa intención
dicir tódolos nomes seguidos
en voz alta
como se non lembrara
o nome das flores
o nome das cores
das plumas das perdices
aplastadas entre as chumbeiras
para pasar desapercibidas
de sabuesos e cazadores
a miña gorxa secase de pensar
coa pel bordada nunha vela
dun barco ao norte ondeando
en tódolos nomes
e volvo a dicilo outra vez
fondamente ferido
socorro !
un galo canta no inferno
o sol mutila de luz
as sombras dos asasinos
de segundos de minutos de días
de semanas de meses de anos
seguidos.