luns, 23 de marzo de 2020

non o esquezas.


un día daba para moito
erguer o teu corpo
sometelo á intensa deprecación
facer ablucións
prover para xantar
cortar leña
plantar fabas na horta
ler a hannah arendt e.....
esperar transformar a caída en voo
calquera destes días
dan para mastigar o horror
desconfiar do vestido humano
dos moi humanos
que paseando a súa insolidariedade
ameazan as nosas vidas
facéndonos sentir un medo que non se esquece
para que nada sexa como onte
por se aínda non o tes claro
un día dá para quedar inmóbil
para sentirse só
diante da televisión
como o perfil dun penedo
sen latexos
esperando que todo pase
e non ser visto
para volver conseguir sobrevivir
cando antes era tan fácil
cando vivir era un inocente sen sentido.

xoves, 12 de marzo de 2020

refacer.


benditas as capas de po
que se pousan enriba das agullas
e desaceleran o tic tac
para apresurar
os presentimentos escondidos
debaixo das pedras
nada pode ser tan conmovedor
como os acentos cascabeleiros
dun péndulo vacilante
para refacer un reloxo
de madeira sempiterna
mentres a terra se para un momento
para que poda existir de contado
un descoñecido  
que montado nunha roda cadrada
se desprace ao longo deste texto
por que ti o moves ao lelo
grazas a manter este desvarío.