luns, 23 de marzo de 2020

non o esquezas.


un día daba para moito
erguer o teu corpo
sometelo á intensa deprecación
facer ablucións
prover para xantar
cortar leña
plantar fabas na horta
ler a hannah arendt e.....
esperar transformar a caída en voo
calquera destes días
dan para mastigar o horror
desconfiar do vestido humano
dos moi humanos
que paseando a súa insolidariedade
ameazan as nosas vidas
facéndonos sentir un medo que non se esquece
para que nada sexa como onte
por se aínda non o tes claro
un día dá para quedar inmóbil
para sentirse só
diante da televisión
como o perfil dun penedo
sen latexos
esperando que todo pase
e non ser visto
para volver conseguir sobrevivir
cando antes era tan fácil
cando vivir era un inocente sen sentido.

Ningún comentario: