venres, 1 de novembro de 2024

santos.


 

rameira e desagradecida morte

que te esgana

entre vómitos e náuseas

so de mirala

tan fría e sen piedade

que ata os santos prefiren

que os lamba unha serpe

sempre será a maior tristura

que encha a túa gorxa

un fedor pestilente

que de súpeto asalta

ao teu entendemento

para berrarte áspero  

que eres infinitamente cero

unha quietude que te aterra

ninguén de alí volve

pasou a hora e

o tempo e o corpo quedan inertes

non hai despedida nin ata sempre

non se lle abren as pálpebras

por moito que o implores

que ata os santos

prefiren nunha noite de temporal

cheiña de ollos en vela dos cormoráns

subir ao faro de Prior de xeonllos

abaixo desguedellándose a mar

despois de pasar por Santa Comba

acendendo unha candea á noite

e  de camiño debullando nas doas

os cen réquiems.



Ningún comentario: