domingo, 31 de maio de 2009

distancia


as distancias
moven e achegan a terra
achegan os corpos
en liñas perfectas
definidas
dende un punto lonxe
das dubidas
son camiños cegos
que van palpando os visionarios
precipicios de cartón pedra
polos que reptan
os que o perderon todo
para seguir a tentalo
onde se depositan os ollos
como espacios en branco
que tentan encherse de desexos
para seguirse mantendo
e así asilarse
a escasa distancia da miseria
as distancias
voltan na resaca do mar
entre os saloucos dos corvos mariños
no medio do seu cortexo
non sendo polo negror de alén mar
non sendo pola maledicencia do home
convertendo ao que ten enfronte
nunha fronteira
para afastarse de si mesmo
para tentar ser invisíbel
para adiviñarse
sobre as cordas fráxiles
da distancia
para asegurarse que non esta
senón lonxe de si mesmo
para vivir
tal como queremos ser
para discernir o alto e o baixo
a escravitude e a liberdade
despoxada dos nosos sonos
fora da tráxica condición humana
un rito que anule a privacidade
do sufrimento
para non sentirmos sos
Sen distancia.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Sen distancia estaremos en dezanove días e quiñentas noites...
Na distancia quedarán lembranzas dunha bota sen atar, unha pegada forte e un saio sen rematar.
A tempada finou para nós e comezará para os tifóns e os furacáns.
Sen distancia para esmorecer estaremos nós.

Anónimo dixo...

Que bo este capitulo e que pouco distante na distancia, . para vivir como queremos. Creo que o dicía alguén é un prezoso remate para un domingo , para un luns para un martes, para........
Que te vaia moi ben.
Unha que pasa por aquí.