camiño aos treitos como a hedra
que vai transitando
polo corpo da árbore
ou os lagartos
que van teorizando
enriba do penedal
nun descoido
para que non se decate o gato
mentres entra en meditación
son un camiñante
sospeito
como a emoción
que aperta a paisaxe
ou o día que desaparece
deixando na mesa
unha fotografía antiga
e todos os recendos
que non se poden nomear
fenecer fracaso limiar
sen embargo
indiferente ao mundo
a luz dálle claridade ao camiño
aquelo que sospeitabas
que non existía
antóllanse reflexos que asexan
nun mundo fráxil que esvaece
entre os berros repugnantes das bestas
que saben
como o sol que nace todos os días
que un tempo novo vai agromar.


Ningún comentario:
Publicar un comentario