sábado, 28 de febreiro de 2026

limen.


 

conservo un xogo dentro da cabeza

saír a correr de pronto

cando hai forte vento

e quedar quedo nun canto

escoitar as palabras que chegan

de lonxe moi lonxe

medias conversas que se xuntan

a outras medias

ás veces parecen sen sentido

case as de todos os sempre

palabras choivas palabras xeadas

palabras quentes palabras frías palabras aire

palabras terra palabras noite palabras día

saco do peto unha bolsa de papel

e a abro para que todas entren

corro para outro canto da leira

e a volvo abrir para que o vento as leve

aves de marzo que voan

aproveitando o soprido

ninguén sabe o que pensan

mira a camelia como lle caen as flores

palabras que pesan como as pedras

quedan laiándose estas non chegan

outras esmorecen prendidas nas silveiras

voade palabras como as aves de marzo

abrindo carreiros de luz coas súas ás

sen tocar a terra. 




Ningún comentario: