venres, 1 de novembro de 2019

memento mori.


non sabería dicir moi ben
se sempre partimos antes de
ou é un simulacro
se nos pés levamos
as areas infinitas
do deserto pubiano do paridoiro
sempre partimos antes de
unha recta con moita visibilidade
unha cea magnifica
unha comida case copiosa
todo o abstracto
a sombra dun poema
un día que pasa a destempo
sempre partimos antes de
irremediablemente nos volvemos vellos
e as nádegas enfréanse
todo para atoparnos con ela
e o seu mortal cortexo
de paseo polas corredoiras
para sacudir a nosa banalidade
sempre partimos antes de
para despois de moito tempo
volver a cortar as herbas
cavar a terra para plantar semente
para esperar que creza
como unha despedida ata mañá
sempre partimos antes de
lembrar que temos que morrer.



Ningún comentario: