mércores, 24 de setembro de 2014

cans.



como cans errando no atardecer
xa non chegamos cansos á casa
despois de traballar
os corpos son despensas baleiras
diques deshabitados
as portas xa non se abren á felicidade
co corazón ausente
esperamos a que suba o rabaño
monte arriba
como cans errando no atardecer
miramos dende alí a aldea
anegada nun mar de recordos
a herba onde languidecen
tódolos tesouros dos campos
un corpo de muller estendido e ausente
que vive no pretérito
como se fora ela mesma quen se contempla
a nós tampouco!
a nós tampouco nos deixan os desexos
prodúcennos sede
e enchemos tódalas copas
ata que nos botan da casa bébedos
para durmir no olvido
para sentarnos tan preto de nós
como os cans
gardamos ás presas mortas debaixo do solo
para próximas fames
e coroamos as nosas cabezas de fatiga
para non sentirnos nunca saciados
para esperar
para esperar que suba outra vez o rabaño
monte arriba
e mirar outra vez o atardecer
como cans
todos escoitamos  o desacougo das nosas almas
chemineas que fumegan nomadas e imperfectas
onde esvaécese o canto das cousas soñadas
onde todo durme
e un cortexo de ausencias 
espera que se faga de día
como cans errando despois deste longo atardecer.



1 comentario:

prodichia dixo...

No fondo dos nodos abismos da nada, a vida sigue....