venres, 30 de xullo de 2010

no súper.


el dille a súa filla na cola do súper
se non seria mellor inventarse
ela contéstalle que vai aprender árabe
non vai ser que un emir
nos ofreza a oportunidade
de voar nunha alfombra
ou abrazar outra fe
a nazón esta en crise
estamos ocupados pola nostalxia
e polos veráns inxustos
os parados parecen noitaregas
pousados na beira rúa
el dille a súa filla
por que non quedou coa súa nai
tendida sobre a almofada
chea de ás de moscas na casa
inventándose
e van pasando as cousas
enriba da cinta
o que cobra é un socrates impasíbel
metendo na bolsa
un paquete de galletas platónicas
un pan aristotélico
unha nova gama de produtos
cosméticos- filosóficos
estamos na cola do súper
servos e indixentes
dioxenes pide esmola na porta
e el dille á súa filla
se non seria mellor inventarse
pero estamos demasiado ocupados
pola nostalxia
e parece a punto de vir o pasado
quen arrisca pouco gaña pouco
a cambio medran as institucións
e as paredes que nos tapan os ollos
parece que fuximos de nos mesmos
cara un paraíso inútil
calándonos tódalas verdades que non dicimos
por exemplo: morran para sempre
as minúsculas esperanzas.

venres, 23 de xullo de 2010

acontece.



este vintecatro de Xullo na véspera da nazón
na honra de Prisciliano en Compostela
na galería Sargadelos alí na Rúa Nova
camiño da Quíntana,
camiño de tanto do que somos
e xamais esqueceremos, presentamos
a nosa primeira achega
no noso libro intitulado: “penúltimo acto”
o mesmo que da nome ao noso colectivo
as miñas compañeiras Cruz Martinez , Rosanegra
máis eu ás seis e media da tardiña.
quedades convidad@s.

luns, 12 de xullo de 2010

ren.


a vida ten lugar noutro sitio
fora dos nosos limites
so podemos percibila
cando nos afundimos
a vida é un segredo
é a respiración invidente
sentir a alguén dentro
sen poder afastalo
do espazo vital para un mesmo
a vida so se manifesta
nos sentidos
como pequenas larvas
que nun descoido eclosionan
nunha fráxil folla
en soidade e na diáspora
ao outro lado do mesmo río
a vida nada é nun
se non é no que acontece
unha grande inxustiza
unha realidade inequívoca
a mirada dos mártires dende as cunetas
a cento corenta por hora
nunha estrada de néboa
vivir na hora dun reloxo dun anxo
noutro sitio afundidos
alén dos nosos limites
vendo pasar o tempo suxeitos
soterrando a liberdade dun
nunha caixa baixo terra
esta traxedia é a vida
un gran equivoco
vivir en outro para en segredo
vivir nun mesmo.

xoves, 1 de xullo de 2010

eu digo.


eu digo se o home é unha casa
vaise abaixo co tempo
e as paredes cáense
polos pensamentos prohibidos
polas citas non tidas cun mesmo
se a casa é un home
os seus piares apenas poden
aguantar tanta desidia xunta
enriba dun plano equivocado
feita sobre materiais caducos
e na horta que arrodea
enchida de despropósitos
despois de abonar con sal á terra
nacen froitos cargados de veleno
para logo sen remedio
como un manxar ter que comelos
e nun xardín cheo de bagoas e berros
dan á vida flores en branco e negro
o aire non axuda a respirar
pasa pola ventá
como un afiado coitelo
se o home é unha casa
non hai xesto de contento
nin alegría que levar á boca
o amañecer volvese afónico
e caído este probe teito
non se mira dende abaixo o ceo
mirase provocador o inferno
se a casa é un home
os raios da lus detéñense
antes de chegar á porta, ala ao lonxe.