mércores, 2 de xuño de 2010

fado.




Aquel dia baixei ao peirao a buscala
Ela estaba de camiño
Cando chegou onde min
Miroume e dinme conta de que eu
era unha barca á deriva
Tropezando no espigón que eran os seus pes
Un anaco de pan reseso
Dentro da miña gabardina
É o único que me queda, dixo
E eu respondín:
Que é iso comparado con todo o salitre
Despois mirei ao ceo
E caeu unha gaivota fría e muda
Ela era o acantilado.

Sobre a ponte iamos en cortexo
Un chofer famento
Un carro co canto agudo
O meu pai nunha caixa morto
E eu mirando a dous namorados
Que ao noso paso dábanse un beizo
As ondas do mar lambendo nas rochas
A terra a man aberta caendo na caixa
Os cipreses deixándose levar as miñas costas.

Ao meu pai encurvouno o estaleiro,
As sentinas, as caldeiras e tanto soldar
Pero a súa verdadeira loita
Cando o veu todo perdido
Foi contra os corvos do milleiral
Unha noite que estaba eu a ler
Nun libro do roupeiro de probes
Veu onde min coma un raio
E berroume:
Déixate de lerias e vaites fora
A espantalo diaño!
Despois deume unha vara
Da que penduraba unha lata.
Movendo aquel instrumento
Tívome entre o millo ate o amecer.
Meu pai xa daquela non tiña remedio.

Dende aquí pódense ouvir
As ondas do mar lambendo
Os piares da ponte
A terra a puñados
Desgarrándose enriba da caixa
E os cipreses caendo nas miñas costas.
Meu pai ia ao estaleiro
A quentar as chapas de aceiro co seu alento
E a hora do bocadillo
Darlle un trago á botella
Cravando á súa mirada no ollo de boi
Que daba as grúas paradas
Como obreiros colgados
Sobre o dique de abrigo.
Ela deixounos
Dixo que viña agora
Que saia un intre a por pan.
Moito chorou de tanto que chorou
Dicían que ao meu pai
Encolleralle a faciana
Dende aquela quedou só como un can
Só trazando co seu dedo no espazo
viaxes imaxinarias nun mapa xeográfico.
Esperando o un polo outro
E os dous por ela
Eu chegaba despois de xogala ruína que nos quedaba as cartas
Escorado da travesía
Como escupido das entrañas dunha balea
Arroxado contra a porta como un coitelo
E mentres íame descravando
Viña el por min
Logo abríame i eu entraba
Calaba eu e esperaba o seu discurso con ansia
Pero sen darllo a entender
El achegábase a min como quen ten reparo
Cada dia que pasa: dicíame á o ouvido
Teño máis frío
Ti quéresme verdade
E arrastrando as silabas deixábaas caer enriba de min
Para dicirme sinalando no mapa
Fai un anaco estiven....................................
Logo como un desmaio
Tendíase e quedaba durmido naquel colchón
Que era unha “u” famenta
Sobre unhas táboas de castaño vencidas
Fora ao lonxe podíase ver dende o mainel
Os brelos das luces das casas chiscándome os ollos
Os ladridos dos cans retumbar
No ventre da noite
Famentos coma min do dia que estaba por vir
O porto dende alí parecía un coitelo prateado
Que atravesaba a ria.
Aquel dia baixei ao peirao a buscala
Cando cheguei onde ela
Estaba a carón da mortalla
sacando nunha folla envolta un anaco de pan
Para poñerllo na súa man Inerte, mórbida e fría.

Pola ponte pasaba o cortexo
O meu pai morto
O dia enloitado chovendo
En mala hora finando os pasos
Camiño do cemiterio.
As ondas da mar lambendo os piares da ponte
Os cipreses sobre nos caendo.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

¡¡¡¡¡¡¡Que grande!!!!!!!!!!!!!!!!.

UN dixo...

Home ajradesese que puxeras o poema enteiro por que no vídeo do “Penúltimo Acto” por momentos perdese na musica de fondo que esta moi alta ¡carai!. Pero non tendes quen controle estas cousiñas?. Deica.

Anónimo dixo...

Reitérome no que levo dicindo hai tempo, xéasme o sangue. Precioso e comparto o QUE GRANDE do anónimo. Impresionante de verdade.


Ramón R. Nogueira

UN dixo...

Despois disto pouco ai que desir so unha cousiña todo moi ben e o do peixe coidado cos ecoloxistas . Deica.