sábado, 19 de xullo de 2014

invadidos.


cando ofreciamos os congros aos deuses
as alegrías transpirábanse no sol acendido
os animais eran arteluxios de leis
que convivían cos seus froitos
nós preguntabámoslle ao vento
eramos antes de ser
e esperabamos ao inverno
para falar das cousas máis importantes
como repoboar as nubes
ou subir ao ceo por un raio de luz
beber a sede de outro
aprender teoloxía nas ás das bolboretas
nas coplas dos arroios
nas risas das follas das árbores
cando as move unha leve brisa
para levalos nas nosas breves fuxidas
antes de volver a espertar de novo
despois deste camiño de obstáculos
bordado nos nosos traxes humanos
na nosa denude nun súbito abrazo
sen aroma
cando ofreciamos congro aos deuses
eramos felices
por que non tiñamos necesidade de selo
nin a conciencia de que nos foi roubada
a vida era máis bela do que agora
outros nos permiten
como un froito que se nega a morrer
sen madurar sen poder facer doazón
que vive na súa perpetua magoa
e non se pode ofrecer.



1 comentario:

Anónimo dixo...

Porque calou o poeta? E xa tan feliz que cala de vergoña?