martes, 30 de marzo de 2010

soño

soño: acto de representarse na fantasía,
sucesos ou especies. Cousa fantástica
e sen fundamento, ilusións……………...
onde nos levan os soños?
pode que onde non poderiamos vivir
espertos, por que espertos non
consideramos nin procesamos
os problemas da vida esperta.
Por certo os soños son latifundios?.
¡menos mal!.


xoves, 25 de marzo de 2010

segredo


unha noite é un fracaso
na procura do mal que esta por vir
escandalizada a estancia
por o ir e vir das bestas
unha noite é un dia enteiro a escuras
espido ante un mesmo
unha coitelada de perfil
no peito
un soño no que das ramas das arbores
saen versos da súa medula
envoltos en papeis de cores
nun bosque cheo de pasadizos secretos
un banquete para os mortos
unha gloria de baleiro
un anxo ataviado con cananas
e tocando unha trompeta
sombras que bailan enigmas
entre os dedos
das mans cargadas de literatura
azoutándome eu dos meus propios golpes
un animal en loito tendido na herba
fendidos os ollos por un fío de luz
unha canción que non se pode
cantar por medo
que non ten musica nin letra
que cada vez que se entoa
erguese a brétema e a leva
un labirinto acariñando
unha esperanza que non existe
andando indecisos
animando e matando o murmurio
que vai abrindo a pel
para meterse o mar dentro dela
enriba dunha ponte
empuxan tres homes un carro
tirado por vacas pintadas de cal branco
para logo deixalas caer
sobre a miña cabeza
non hai quen sexa capaz de cerralos ollos
e a boca para expresar tanto espanto
o dia esperta dentro dun tarro
onde medra un xasmín
e no seu vidro vese o meu corpo espido
e dende el apuntando a miña verga
desexando ser vencida entre os doces pliegues
da pel húmida da amasia
o seme dunha vela que se resiste a morrer
unha noite é un soño
que non ten musica nin letra
que cada vez que se entoa
erguese a brétema e o leva.

sábado, 20 de marzo de 2010

delirium

ao trunfo da nada delirante .

videopoema presentado no C.G.A.C, en Compostela

con motivo do filocafé sobre o dandismo.

martes, 9 de marzo de 2010

dandi


que son probe e temeroso a ninguén llo vou dicir
nin que dentro deste traxe estou cheo de cascallos
que ás miñas convencións apóianse nun tabique
ferido e a piques de caer
e que éstrano mantense aínda ergueito
enfronte dun espello onde por graza
podo verme chorar
e pensar que o meu corpo é unha obra de arte
perfecta
que son probe e temeroso...........
pero quen pode dicir: ¿ que non quixen cambialo mundo?
se me inventei tódolos días do ano para non facer ren
e sentilo pracer de sorprender e non ser sorprendido
fun incapaz de amar
e pola contra me amei a min mesmo
¿quen di que non quixen cambialo mundo?
construín a miña vida espiritual
entre toda esta mesquindade
e preferín o triunfo da nada, este artificio
¡elixín señores!. ser incorrecto,
un sedutor de min mesmo
¿e si fun un inútil moral, qué?
peor que isto é ser un burgués ideolóxico
a revolución coma o traballo embrutece ao ser humano
¿para que ter obxectivos?
non o toleraría o meu porte escultórico
enderezado nunha olorosa toilette
morrendo a cada instante dentro dun traxe de marca
esta é a maior redención, este é o delirio
un olor que lévame aos amores precoces
pois a miña nai foi a primeira de tódalas mulleres.
se eu vivira nunha aldea, seria un tolo
un personaxe pintoresco proclive ás risas doutros
algo sobrenatural, como unha muller, por exemplo
e sen embargo coidei de min,
estiven logo nun estado político perfecto
non precisei ao “pater”
e cada vez que mireime co rabo do ollo no espello
vin a miña alma refrexada nel
e esa contemplación divina achegábame a Alcibiades.
¡oh grande!.
non hai mellor maneira de vivir
pararse a pensar un pouco, retirarse dentro de un
por moita presa que haxa ao derredor
e dialogar coa morte, examinala conciencia
exercitala memoria, administralos nosos bens
e gobernar os pronomes
¡me adoro, adorádeme!
no corpo todo pode ser cambiado
e eu cho ofrezo consumible e fresco
esta que é a miña derradeira posesión
¿quen dixo que eu non quixen cambialo mundo?
un mundo mudo é certo pero feito de vontade
un traballo vivo e non petrificado
por que o importante non é a vida mesma
senón o que esta enxendra. Quizais o apocalipse.