xoves, 25 de marzo de 2010

segredo


unha noite é un fracaso
na procura do mal que esta por vir
escandalizada a estancia
por o ir e vir das bestas
unha noite é un dia enteiro a escuras
espido ante un mesmo
unha coitelada de perfil
no peito
un soño no que das ramas das arbores
saen versos da súa medula
envoltos en papeis de cores
nun bosque cheo de pasadizos secretos
un banquete para os mortos
unha gloria de baleiro
un anxo ataviado con cananas
e tocando unha trompeta
sombras que bailan enigmas
entre os dedos
das mans cargadas de literatura
azoutándome eu dos meus propios golpes
un animal en loito tendido na herba
fendidos os ollos por un fío de luz
unha canción que non se pode
cantar por medo
que non ten musica nin letra
que cada vez que se entoa
erguese a brétema e a leva
un labirinto acariñando
unha esperanza que non existe
andando indecisos
animando e matando o murmurio
que vai abrindo a pel
para meterse o mar dentro dela
enriba dunha ponte
empuxan tres homes un carro
tirado por vacas pintadas de cal branco
para logo deixalas caer
sobre a miña cabeza
non hai quen sexa capaz de cerralos ollos
e a boca para expresar tanto espanto
o dia esperta dentro dun tarro
onde medra un xasmín
e no seu vidro vese o meu corpo espido
e dende el apuntando a miña verga
desexando ser vencida entre os doces pliegues
da pel húmida da amasia
o seme dunha vela que se resiste a morrer
unha noite é un soño
que non ten musica nin letra
que cada vez que se entoa
erguese a brétema e o leva.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Verdadeiro e fermoso. Parabéns.

Anónimo dixo...

Perdoa,verdadeiramente fermoso queria dicir. Grazas.Deun que pasa por aquí.