mércores, 22 de agosto de 2018

ao longo do día.


os ximnastas so fan cousas rítmicas
como os peixes nadando
as moscas voando
ou coma os pésames
os chinchos ocupando
todo o espazo dos veráns
tan lexitimo como todo o contrario
ou a terra que por ser inmensamente fermosa
murchase cando se pisa
e o que parecía inmortal
esmorece á vista dos moradores
incrédulos

ao longo do día

os brigadistas
miran non sei que horizonte
para apagar lumes alleos
e pasar de heroes
mentres dura o incendio
e despois que se apaga
a ser uns miserentos

ao longo do día

non hai nada determinante
non sendo as consecuencias dos actos
para os que viran mais tarde
xa non quedara voluptuosidade
para poder tomar conciencia
nin ritmo nin canto
tan vago como o que non espera nada
todo isto  xa o debeu de ver alguén
nalgunha parte
xente comendo e bebendo posesas
nas festas inacabables
xente matándose por un anaco de area
xente matando o pouco de terra
que nos queda
non basta con aniquilar o outono
e a primavera do calendario
incluso dentro de nós
e  deixarnos enganar
por tódalas  súas ficticias certezas

ao longo do día

os brigadistas fan cousas rítmicas
desgrazadamente rítmicas
crer o que non son
facer o que ningún gremio faría
enganarse en van
poñer o egoísmo por diante
ou acomodarse á miseria

ao longo dos días

os brigadistas son
unha sorte kafkiana

os brigadistas non apagan
o verdadeiro lume cos queima.



Ningún comentario: