xoves, 11 de febreiro de 2021

epicteto.

se algo ocorrese

nun repugnante sobresalto

as escaleiras de pedra

ca fariña de millo

vai encintando

os chanzos ermos

gastados dos pazos

ou o que hai sempre

mais abaixo

entre a auga e a area

e non vemos

entre o fértil plancto

e imaxinando a mar

como non é agora

non fai falta que penses

tanto

xa esta todo pensado

xira cara a ti

ai si

onde non hai arraigo

nin ningún vestixio

nin presentimento sequera

a vida xa non é como era

agás

un

delirante

encontro

malgastado

se algo acontecera

para poder contalo

un paseo perdido

todas estas palabras

sen sentido

o cheiro das túas mans

a desencanto.

 


mércores, 6 de xaneiro de 2021

xoves, 10 de decembro de 2020

vinte vinte.


non tes nada

todo o que tes déroncho

ti non tes nada

e o que cres ter

tampouco o tes

colleuno alguén

crendo que algo ten

ata que outro á súa vez

llo saque

non tes nada

todo o que tes déroncho

se cadra sen ser digno

de recibilo

no teu corazón

non tes nin latexos

paréceche que os tes

pero tamén son de outro

de un que se matou

no monte

a outra noite

e delegou en ti

o corazón que non quería.

 

 

venres, 6 de novembro de 2020

racional.


hoxe non hai nada que librar

agás unha bandada de paxaros

que sae das páxinas dun conto

e un tempo infinito para esperar

ignoro as presas

polos momentos que parece

que se foron para sempre

e que nos aferran aos días mortos

cando estamos á marxe da vida

/as bagoas nacen no cerebro/

e non necesito tempo

non necesito tempo para esperar

imaxino que me acaricias

cando o aire sopra a túa cara

ou cando pasas os pétalos dunha flor

polos teus labres entre abertos

/e volvo a espertar

no meu sistema límbico/

hoxe antes de pensar co soñaches

debuxa follas nas pólas das árbores

para comezar a irmos

cando as empece a tirar o vento

baixo a luz que vai esmorecendo

pois non necesito tempo

non necesito tempo

por que hoxe non hai nada que librar.

 

xoves, 8 de outubro de 2020

non falo.


todo o que se di

é o contrario do que se pensa

oio o que non se di

o que se revela

o negativo dunha foto

ou as palabras que se escriben

nunha folla e non se poden ler

non falo

son de moi poucas palabras

e aínda así son susceptible

a topar unha soa

unha escama de sal na lingua

para dicir salgado

e saborealo en todas as súas letras

mentres xesticulo de forma acertada

e dixiro a palabra enteira

non falo

xiro o mundo a douscentos setenta grados

para voar en silenzo

os gatos con ás

que se acicalan varias horas

para gobernar todas as noites

non falo

falar é un espazo errado

é a aparencia de quen se cre

reflexado nel.

 

martes, 8 de setembro de 2020

pedras.


nacín home

para saber que os días

están feitos de pedra

e aínda estando mais de medio século

exiliado de itaca

ver que da pobreza nacen migueliños

a pesar de que alguén en paz descanse

non me deixou plantar unha figueira

mais creo agora

nas razóns que teñen as pedras

para queixarse do seu esgotador sobrepeso

nun principio ninguén era así

nin elas tan sequera

tampouco é igual unha pedra do monte

que calquera outra pedra

o que si é certo é que todas elas

de tan cansas que viven

son grandes poetas

antóllanse unha idea, un corpo,  

ou as entrañas esparexidas

nunha ladeira

para logo quedar tan quedas

que aínda que ardan polo sol

libres das mans dos que as moldean

non teñen tristura nin dor

non se lles escurece a alma

non se moven son impertérritas.



sábado, 8 de agosto de 2020

ti non sentes.

un abecedario non sostén unha parede

senón é inerte

non podemos tampouco

herdar homes e mulleres,

varas, eixadas e machadas

que sostiñan outros

nas súas mans

por que as agocharon

as romperon e queimaron

os vosos pais

mais en troques

herdamos estraños

cheos de proxectos irrealizados

so nos libros aparecera a palabra monte

cando queiras saber da existencia do lume

por que a el, ao monte, raramente vai a xente

se non é a emboscarse

a prenderlle

para botar fora as súas pantasmas

os ladróns, os fugados

á escoura 

para que quede igual que hoxe

todo sen resolver

e así de expósito

en todos os seres humanos

hai un monte na súa cabeza

e nel un lugar a onde ir e volver

sen nome

unha pedra, unha árbore

que é capaz de conmover

a quen non sente

agás aos estrategos

que toman as nosas verdades

e lles prenden lume en silenzo

por que ti non sentes.