venres, 17 de maio de 2024

villalta.


 

MODULACION DE ORFEU


Carexei na escuridade o teu cantar Eurídice
e o futuro devolveu o nome do meu propio arpexio.

Souben de ti por un can que xemeu manso
pola leve batedela do teu pé no río ao avanzares
e o ton ingrávido da luz no sangue
no momento de non poder ser xa quen son
senón a corda acróbata do desexo entre os meus dedos

Estaba o ar imposíbel tinxido en soños de paxaros
tal era a vontade de ascender as escalas das esferas
axudándonos só do propio timbre
medido contra o eco dos abismos

No teu andar pulsaba o corazón
E a idea loira do silencio te agardaba
con palabras sen esquinas
campo aberto a países encontrados
na redonda maravilla de si mesmos

A idea de nacer ao non morrer desde onde viñas
traía eu entre os compases dos meus pasos
percutidos sobre o ébano do tempo no violino:
o ritmo e a columna, o balanzo e o redemuíño
cara ao xogo da risa na Galiza liberada

Mas na Fisterra do mundo onde o mar nos esperaba
cegoume o ruído infernal roto en instantes
de motores, en cristais de cidades sen orixe
rotos, en tempo roto a melodía desde sempre
rota, as palabras desfeitas entre os dentes
rotos de tantos seres rotos de almas rotas
na paisaxe dun povo que por roto marchaba
co son roto das árvores nos ollos

A melodía, e non eu nen a dor nen a saudade
quixo volver sobre si mesma até onde estabas
serpe arrolada no murmullo contínuo deste vento
que arrasa e volve e destrúe e levanta no deserto
as súas moreas de olvido como triunfos xa vencidos

Ao fundo, ao fundo volvo eu a non perderte
e ser agora eu Eurídice outra vez para esperarte.

Luísa Villalta.



luns, 29 de abril de 2024

vehemente.


 

ten moitos motivos

para imaxinar a beleza

nas estreitas e agochadas

arestas da súa pel

posadas as mans

como dúas pedras

de fai mil anos apracibles

como a verdade

onde ninguén a viu

un paxaro volve cantar

fai quiñentos vinte cinco mil seiscentos minutos

das súas vidas

posado no noiro da súa orella.


venres, 22 de marzo de 2024

hipócritas.


 

os bos hipócritas pensan ante todo no seu

no benestar do seu país

na sangue verde das súas xentes

a cor vermella das súas paisaxes

a facilidade de esquecer seus semellantes

os bos hipócritas teñen unha boa colección

de tubos de ensaio

onde deixan destilando o odio

dende a mañá ben cedo

por que necesitan un plus de cicatería

van ao longo dos días alimentándoo

para deslizar á seguinte mentira

os bos hipócritas son uns putos yonquis

da falsidade líquida

non entenden por que a ti lles importas tanto

si ti a eles lles importas unha merda

non saben cal das súas sombras é a certa

antes de que nos empobrezan a todos

é hora de cantarlles as verdades    

non sendo que elixas que sempre sexa así

pensar ante todo no teu

no benestar do teu país

na sangue verde das túas xentes

na cor vermella das túas paisaxes

e a facilidade de esquecer aos teus semellantes.

 

 

martes, 13 de febreiro de 2024

cerviz.


 

o inverno é unha condición universal

 

as palpacións aceleradas

baixo a epiderme son tan comúns

como o tempo

 

a dor arquitectónica das vértebras

convírteme nun coleccionista

de adormecementos segredos

 

por momentos vaise a voz

e esquezo o que quería facer

cando comezo a facelo

 

o sabor do anhelo seca a gorxa

entre mareo e mareo

 

camiñan figuras luminescentes

polo andar lentas e pesadas

como se remataran de erguerse

 

mordo a lingua para non irme

para manter a amizade co meu corpo

 

mentres pola cerviz suben en ringleira

unha morea de furelos camiño da caveira

facendo un ruído arrepiante

 

detrás da porta espera un paréntese

 

os regueiros baixan con forza

polas corredoiras ao encontro co Tea

para perfilar as follas das árbores

que se pousan adurmiñadas sobre a auga

 

dividindo o pensamento

en pequenos anacos que aboian

 

parece tan sinxelo  

en cambio dende aquí

todo o común esta moi lonxe.

 


sábado, 6 de xaneiro de 2024

pegaso.


 

baixo a figueira

como un anaco dun mapa

estendese un pequeno xardín

parece un lugar equivocado

un lugar que alguén soñou antes

e quedou con pegaso fai tempo

un día de inverno

por que o sol sae para todos

as veces cegando os ollos

ou quecendo a fronte

como unha alfaia de ouro

que adorna a túa pel

outras como un endiañado

que queima todo de memoria

coma un ser intocable

ou a claridade ao fin

que espanta a vergoña

un caixón cheo de versos

soños que se perderon na fatiga das tardes

o sol non esquece tampouco

de quentar a sangue dos réptiles

que o esperan bafexando   

tamén as voces rotas

ao outro lado dos muros de pedras

aínda que ninguén as recorde

por que o sol sae para todos.