domingo, 17 de maio de 2026

morgana.



Pel azul e vermella.


O que máis lembro da miña infancia é o cheiro a merda, a zudre, a sumidoiros. No suburbio de Bogotá no que vivía as casas non tiñan traída de augas, nin canalizacións. Toda a porcallada das casas guindábase para fóra e había que ser moi hábil para sortear os rega-tos de auga porca e mexos que se formaban en calquera parte. Medramos na rúa, porque dentro da casa apenas había espazo para nos acoller á noitiña, cando durmiamos arrecunchados uns contra outros nas dúas camas que compartiamos os cinco irmáns e a miña nai. De cativiña fun un tempo á escola, o que máis me gustaba era o limpa que estaba, o cheiro a lixivia co que nos recibía todas as mañás. Apenas tiven tempo de aprender a ler e a escribir. Tiven que deixar o colexio para coidar os meus irmáns máis pequenos. O meu pai morrera, ou marchara; pode que á guerrilla, ou que fose recrutado polos “paras”, ou simplemente que se fartase de nós. Nunca o souben moi ben.

A miña nai gañaba a vida recollendo cartóns e chatarra. Un día chegou a casa cun home e dixo que ía ser o noso novo papá. Non me gustou.

Eu xa non necesitaba dun pai e só pensaba na mingua do espazo que provocaría a súa presenza. Unha das primeiras cousas que fixo o noso novo pai foi colocar un cordel do medio a medio da casa do que pendurou logo unha tea. Eu e mais os meus irmáns pasamos a ter unha soa cama na que durmiamos por quendas de tres, aos outros dous tocáballes o chan. A outra cama era ocupada pola miña nai e mais o meu novo pai, do outro lado da tea. Non me gustaba o seu cheiro. Nin o seu ollar. Fedía a suor e tragos e miraba de través, nunca de fronte, como se tivese medo de que ao se cruzar con outro ollar se adiviñase o que realmente tiña dentro da cabeza. Uns pensamentos que debían ter o mesmo fedor ca o seu corpo. Ao principio, miña nai estaba moi contenta, pero axiña a súa relación comezou a se acedar. Contaxioulle o vicio da botella e discutían.

Discutían forte, sen reparar en nós, que escoitabamos as rifas dende o outro lado da manta. Despois deitábanse xuntos, como animais. Non sei que nos daba máis noxo, se os horríbeis insultos que se dedicaban mutuamente ou os ruídos que saían das súas gorxas cando selaban esa pouco duradeira paz. Logo roncaban. Ese era o único dos seus sons que nos tranquilizaba e nos permitía durmir. Entre borracheiras, resacas e liortas, miña nai traballaba cada vez menos, co que pasabamos cada vez máis

fame. Os máis dos días só podía calmar os estómagos dos meus irmáns con arepas cociñadas grazas á caridade dalgunha veciña que me regalaba un pouco de fariña de millo. Con todo, o peor non eran nin as súas rifas nin a nosa fame. O que máis me repugnaba era sentir como ás veces a súa mirada pousaba en min e ía percorrendo viciosa e descarada o meu corpo, cada vez con formas máis avultadas que a roupa, sempre demasiado estreita, sempre demasiado vella, non só non agochaba, senón que mesmo esaxeraba. Aquel xeito de me ollar provocaba en min arcadas e un profundo desacougo. Evitaba poñerme diante da súa vista e, dende logo, baixo ningún concepto quería quedar soa con el na choupana. Unha mañá, ao volver de recoller auga, sentín o seu fedor. Decateime axiña do que ía pasar e tentei dar volta e liscar da casa, pero xa era tarde, o cabrón estaba tras miña. Notei o seu repulsivo alento na caluga ao tempo que ouvín bater con forza a porta ao se fechar. Non me deu tempo nin a berrar. Botouse sobre min, baixoume as bragas e penetroume mentres as súas porcas mans de longas uñas sucias apertaban con violencia as miñas tetas. Fodeume unha, dúas veces. Logo ergueuse, subiu os pantalóns e marchou dicindo: “Mira ti a putiña cantas ganas tiña agochadas”. Non me erguín, nin me lavei, nin me acomodei a roupa. Permanecín deitada no chan, esperando a chegada da miña nai. Quería que vise cos seus propios ollos o que o seu home me fixera. Que non puidese finxir que non acontecera nada. Que batese cos fociños na realidade e botase aquel demo fedorento da casa. Non sei canto tempo permanecín así. Horas supoño. Ata que escoitei os berros da miña nai ao achegarse. “Onde está esa mala filla?” Preguntaba. “Onde vai ese pendón que non ten respecto nin da súa nai?” Agarroume polos pelos, cuspiume, bateume e finalmente botoume da casa entre insultos e maldicións. Nunca volvín velos. A ningún deles. Tampouco nunca os botei de menos.

Das primerias semanas na rúa lembro o medo. Non sabía como sobrevivir lonxe do fedorento suburbio. Ás toas, funme achegando ao centro da cidade, remexendo entre os caldeiros do lixo, pedindo esmola e mesmo deixándome foder por algún mendigo para conseguir algo de comida e tamén algo de compaña; para non durmir soa naquelas escuras e aterradoras noites dos parques do centro da cidade onde cada viandante era un posible predador.

Ata que chegou Sandro. Tiña o andar seguro dos que non temen a noite, que adoitan ser os mesmos aos que o resto debemos temer. “Que fai unha cativiña tan linda durmindo soa ao relento da noite?” Non contestei. “Anda! Acompáñame, este non é sitio para ti”. E cal é o meu sitio? “Un onde ninguén che poida facer mal”. Erguinme desafiante. Se o que quería era foderme non facía falla ir a parte ningunha. Podía facelo alí mesmo, sobre o banco, e deixarme logo en paz. De socato encontreime cos seus ollos. Non me miraba as tetas, nin as cadeiras, nin as nádegas, nin tan sequera a boca.

Os seus ollos estaban fixos nos meus e sorríanme mentres que coa súa man tendida reiteraba a invitación ao acompañar. Por primeira vez en moito tempo non sentín medo. Tomei a man que me ofrecía. Sacou a súa chupa de coiro negro e púxoma polas costas. Agás a cara, todo o que se vía da súa pel: mans, brazos e caluga, estaba tatuado.

Tirou suavemente de min. Deixeime levar. Con paso certo foime guiando a través das rúas da capital. Rúas estrañas, nas que eu nunca me atrevera a penetrar; nin sequera durante o día. Seguino mansa e calada ata que chegamos a un edificio cheo de pintadas e símbolos. “Quen vai? Son eu. Que eu? Sandro”. Así souben o seu nome. “Perdoa brother, non te coñecera. Quen é esta que te acompaña? Que mal ule”. “Non sei como se chama. Atopeina no parque e tróuxena comigo. Mañá xa se lavará. Agora voulle buscar un sitio onde poida durmir”.

Entramos no edificio. Contrastando coa escuridade exterior, unha forte luz mancoume nos ollos. Moitos mozos, todos vestidos e peiteados de xeito moi semellante a Sandro e cheos tamén de tatuaxes, e algunhas rapazas, estaban alí. Uns falaban, outros bailaban, case todos bebían. Sandro respondeu aos saúdos que recibiu. Sen me soltar a man levoume escaleiras arriba, abrindo de vez en cando algunha porta, esculcando rápido o seu interior. “Creo que aquí estarás ben. Non te preocupes, todos saben que estás comigo e ninguén che ha dicir nada”. Dentro do cuarto había dous vultos adurmiñados en cadanseu colchón. Un terceiro catre estaba baleiro, e Sandro fíxome un aceno para que o ocupase. Neguei coa cabeza e apertei aínda con máis forza a súa man, que non soltara dende o parque. Asentiu sorrindo. Levoume ata outro cuarto, máis pequecho, no que había un só colchón. Tirou as botas e os pantalóns. As súas pernas estaban tan tatuadas coma os seus brazos. Deitouse no colchón e levantou as mantas cun xesto de convite. Estendinme ao seu lado e agardei que subise en riba miña para facer o mesmo que todos, só que esta vez presentía que ía sentir menos noxo. Trabuqueime. Deume un bico pequeno na meixela e viroume as costas. “Durme, pequena.

Notáseche ben que tes falta de sono”. Xa non me volvín separar del. Esa primeira noite foi a única que durmimos xuntos sen que un montase enriba do outro.

As normas da banda eran estritas e sinxelas. Todos debían lealdade e protección a todos e obediencia aos xefes. Sandro era algo así coma un cargo intermedio. Un dos homes de confianza dos líderes. Unha vez que se entraba a formar parte da banda xa non se podía abandonar nunca. Só a morte era quen de romper ese vincallo. O asunto estaba bastante ben organizado. Había quen se dedicaba aos roubos, os que pasaban a droga, os encargados da vixilancia e os que procuraban novos membros. E logo estaban os xefes. Eran os que tiñan os contactos para garantir o fluxo continuo da coca e a rápida colocación dos obxectos roubados. Cada quen sabía o seu papel e o seu lugar.

Tratábase unicamente de sobrevivir a cada día e pasala o mellor posíbel. O tempo das navallas quedara xa moi atrás. Agora pelexábase con armas de fogo, cada vez máis sofisticadas e precisas, polo que era normal que se producisen baixas mortais en cada bando. Baixas que daban lugar a novos quilombos e a novas mortes. Afíxenme a non pensar no que acontecería o día que Sandro non volvese. A morte era tan cotiá, tan próxima e veciña que non pagaba a pena reparar nela.

Fun feliz con Sandro. O noso cuarto non ulía tan ben coma a escola da miña infancia, pero o seu cheiro estaba lonxe do fedor pútrido do barrio onde me criara.

Con el aprendín a facer o amor. A follar. Non só a deixarme foder. O que máis me gustaba de fochicar con el era que sempre me miraba aos ollos. Eu estaba fascinada coa súa pel azul. Ata na pirola tiña tatuaxes. Unhas eran nomes, outras debuxos, algunhas marcas pequenas e indescifrábeis, e había outras que seguían unha secuencia e contaban de seu unha historia. Coma nun cómic. Pregunteille se non ía a se tatuar nunca o meu nome. “A ti lévote no corazón. As noivas veñen e van. Ningunha é eterna. Os amigos si. Os brothers son para sempre. Coma os mortos. Sempre acompañan a un”. Non quixen saber máis. Preferín ignorar cantos daqueles nomes eran de amigos mortos e cantos de inimigos asasinados. Hai cousas que é mellor non saber se non queres mandar ao carallo o fráxil equilibrio no que te sostés. Abondábame con que fose cariñoso e doce comigo e coa seguridade que me daba a súa protección e o seu abrazo. Nos catro anos que estivemos xuntos esforzouse para salvarme da droga que nos mantiña. Explicoume os límites entre o consumo para divertirse e a adicción, e non permitiu nunca que os traspasase. Tampouco me deixou xogar coa bebida. “Os tragos fúranche os miolos e estráganche a pel”. Nunca me bateu, nin me berrou. E iso si que era estraño, xa que moitos dos membros da nosa banda gustaban ás veces de golpear as súas noivas. Pero Sandro era distinto: alegre, limpo. Ao seu lado fíxenme muller. E malia que o perigo era para nós un xeito de vida, xunta el sentíame protexida de todo mal.

Estaba claro que tanta sorte non podía durar moito tempo. Un día, outra das rapazas que formaba parte da banda petou na porta do cuarto onde eu estaba adurmiñada agardando polo regreso de Sandro. “O xefe di que tes que baixar”. Sóubeno decontado. O cheiro do sangue íase facendo máis denso no meu nariz consonte ía baixando os chanzos. Un cheiro penetrante e proente. Coma cando te metes unha raia mal cortada. Tíñano deitado derriba dunha mesa. Convulsionaba. O sangue vermello que manaba do seu pescozo e do seu ventre mesturábase co azul da súa pel. Os seus ollos buscaban os meus que non se atrevían a miralos, que non podían apartarse daquela fenda que se lle abría no abdome e da que non paraba de manar o sangue. A cachón.

“Un pinche cabrón poderá agora tatuar o meu nome no corpo”. Dixo. “O teu segue aquí, no meu corazón”. Tentou rir e o sangue saíulle tamén pola boca. “Cala. Non fales. Haste pór ben”. “Non comecemos a dicirnos mentiras tan preto do final. Mírame, bonita. Que sexan os teus ollos de nena asustada o último que vexa”.

Sei que esas foron as súas últimas palabras, porque mo contaron logo. Lévoas no corazón, aínda que non as ouvín. Non ouvín nada. Só tentaba parar coas miñas mans aquela fervenza vermella que lle estaba a tirar a vida. E como coas mans non daba, subín enriba del para que o peso do meu corpo coutase a hemorraxia. Din que me tiveron que sacar á forza entre varios, tan pegada como estaba ao seu cadáver, aínda morno e latexante. Din. Eu non o recordo. Só lembro o seu sangue, vermello, mesto, tatuado agora para sempre na miña pel


Begoña Caamaño.