mércores, 6 de xaneiro de 2021
xoves, 10 de decembro de 2020
vinte vinte.
non tes nada
todo o que tes déroncho
ti non tes nada
e o que cres ter
tampouco o tes
colleuno alguén
crendo que algo ten
ata que outro á súa vez
llo saque
non tes nada
todo o que tes déroncho
se cadra sen ser digno
de recibilo
no teu corazón
non tes nin latexos
paréceche que os tes
pero tamén son de outro
de un que se matou
no monte
a outra noite
e delegou en ti
o corazón que non quería.
venres, 6 de novembro de 2020
racional.
hoxe non hai nada que librar
agás unha bandada de paxaros
que sae das páxinas dun conto
e un tempo infinito para esperar
ignoro as presas
polos momentos que parece
que se foron para sempre
e que nos aferran aos días mortos
cando estamos á marxe da vida
/as bagoas nacen no cerebro/
e non necesito tempo
non necesito tempo para esperar
imaxino que me acaricias
cando o aire sopra a túa cara
ou cando pasas os pétalos dunha flor
polos teus labres entre abertos
/e volvo a espertar
no meu sistema límbico/
hoxe antes de pensar co soñaches
debuxa follas nas pólas das árbores
para comezar a irmos
cando as empece a tirar o vento
baixo a luz que vai esmorecendo
pois non necesito tempo
non necesito tempo
por que hoxe non hai nada que librar.
xoves, 8 de outubro de 2020
non falo.
é o contrario do que se pensa
oio o que non se di
o que se revela
o negativo dunha foto
ou as palabras que se escriben
nunha folla e non se poden ler
non falo
son de moi poucas palabras
e aínda así son susceptible
a topar unha soa
unha escama de sal na lingua
para dicir salgado
e saborealo en todas as súas letras
mentres xesticulo de forma acertada
e dixiro a palabra enteira
non falo
xiro o mundo a douscentos setenta grados
para voar en silenzo
os gatos con ás
que se acicalan varias horas
para gobernar todas as noites
non falo
falar é un espazo errado
é a aparencia de quen se cre
reflexado nel.
martes, 8 de setembro de 2020
pedras.
para saber que os días
están feitos de pedra
e aínda estando mais de medio século
exiliado de itaca
ver que da pobreza nacen migueliños
a pesar de que alguén en paz descanse
non me deixou plantar unha figueira
mais creo agora
nas razóns que teñen as pedras
para queixarse do seu esgotador sobrepeso
nun principio ninguén era así
nin elas tan sequera
tampouco é igual unha pedra do monte
que calquera outra pedra
o que si é certo é que todas elas
de tan cansas que viven
son grandes poetas
antóllanse unha idea, un corpo,
ou as entrañas esparexidas
nunha ladeira
para logo quedar tan quedas
que aínda que ardan polo sol
libres das mans dos que as moldean
non teñen tristura nin dor
non se lles escurece a alma
non se moven son impertérritas.
sábado, 8 de agosto de 2020
ti non sentes.

un
abecedario non sostén unha parede
senón
é inerte
non
podemos tampouco
herdar
homes e mulleres,
varas,
eixadas e machadas
que
sostiñan outros
nas
súas mans
por
que as agocharon
as
romperon e queimaron
os
vosos pais
mais
en troques
herdamos
estraños
cheos
de proxectos irrealizados
so
nos libros aparecera a palabra monte
cando
queiras saber da existencia do lume
por
que a el, ao monte, raramente vai a xente
se
non é a emboscarse
a
prenderlle
para
botar fora as súas pantasmas
os
ladróns, os fugados
á
escoura
para
que quede igual que hoxe
todo
sen resolver
e
así de expósito
en
todos os seres humanos
hai
un monte na súa cabeza
e
nel un lugar a onde ir e volver
sen
nome
unha
pedra, unha árbore
que
é capaz de conmover
a
quen non sente
agás
aos estrategos
que
toman as nosas verdades
e
lles prenden lume en silenzo
por
que ti non sentes.





