martes, 28 de xullo de 2015

er.


enriba dunha árbore imaxinada
descansa en paz para que o espírito
se ocupe do incorrupto
e non o arroube
er de estirpe panfilia

a virtude non ten dono
depende de canto se lle honre
ou se desprece
ou do desanimo que padezas
tal é o castigo
tal é a recompensa

non hai árbores na foresta
so a moral o esperta
para decatarse
que non cambiaría esta vida
por ningunha antes vivida
aínda sendo isto o de menos

só e orgulloso
para non caer no desmaio
soña metafísicas
correndo e apurado
ao longo dun bosque baleiro
antes da caída da tarde

non hai árbores nin foresta
para miralo máis alá
onde hai dous camiños
onde as almas se intercambian
saúdos
e preguntan unhas á outras
sobre o mundo celeste ou subterráneo
según de onde veñan
as do ceo describen o goce e a beleza
mentres as do milenario camiño
choran a berros
ao lembrar os sufrimentos pasados

así van poñéndose en ringleiras
ante láquesis
despois de escoller o seu modo de vida
para acampar a beira
do río da despreocupación
e despois de beber a súa auga
en exceso
esquecerse de todo
caendo durmidas en medio da noite
para ser chimpadas ao ceo
para o seu nacemento
como estrelas fugaces

enriba dunha árbore imaxinada
antes da caída da tarde
declamaba aos paxaros en grego
na chaira do esquecemento

“er non bebeu a auga e non lembraba
como volveu ao seu corpo
so despois de abrilos seus ollos
mirouse tendido enriba da cacharela”.


venres, 26 de xuño de 2015

xanciño.


viño ben amado
non digas nada
nesta ensoñada noite
o noso facho
é esta fogueira
onde se queima
todo o que non nos deixa gozar
mundo non te quites nada!
déixate desmaiar
ata que amañeza
os peixes de salvia e menta
dentro do cacho
para lavala nosa invisibilidade
esvaecida como un soño
ata que esperte
non digas nada!
a onde marchaches co lume
e as linguas vermellas
a onde fuches despois de falar!
levas escritas as palabras
no teu peito
e o aire pechado sobre el
canto máis foxes
máis me topas ao teu lado
para facerse máis longos
os días e as noites
ata que volvas outra vez
xanciño!
se somos nós quen se queiman
na fogueira
para volver a arder!
sen esta xenerosidade
non seriamos ricos
viño amado!
non digas nada esta noite
sen presa
para saciarte neste vaso
e bebelo solsticio
que a túa xerra esta a encher.

venres, 29 de maio de 2015

átono.


novos tempos se aveciñan
para contemplar a beleza
nunha ferocidade tráxica
conxugar o plural
mentres se reparten as alcaldías
para sucumbir ao mediocre
fora da santidade do pobo
emborrachado de promesas
para nomear como xustiza
á mala sorte
a amizade que te traizoa
o home ante o seu denudo
unha sabedoría fracasada
un mundo espantoso que nos libera
é bo fixarse na respiración
na súa cadencia
o fluír dun río interior
que nós impulsamos augas abaixo
ata chegar ao mar
onde deixamos flotar as ideas
mesturadas co plactón
nada parece posíbel sen compartir
non é posíbel a compaixón
sen dor
nin posíbel o amor
sen unha vítima da súa propia nada
do seu propio fastío
o negocio político
non contempla o destino
senón a servidume
unha xustiza ambigua
e unha ferida sen cura
o mal contra do ben
algo tan escuro coma a sorte
todo o que nos rodea
o acordo coa sorte
que so depende da sorte
nada definitivo e sempre en xogo
ninguén se ergue
contra a mala sorte
contra avaricia que non a fai posíbel
que rapta a sorte
e nos impide sacarlle o seu vestido.

mércores, 1 de abril de 2015

nun suspiro.


agora cos días son máis longos
as follas da figueira medran
para logo chorar leite
nos nosos labres                                                  
as abellas convéncense
da próxima produción de figos
para crear ouro destilado
en antollo de mel
mirando dende aquí para oriente
vestido de púrpura
onde dormen oblicuos
os raios de sol
e as escamas de sal desfanse
na auga
nun océano arquexante
alí non tan lonxe
dormen corpos que soñan coa sede
e espertan cos labres cartón pedra
que se afastan da boca
e póñense a voar
aproveitando a friaxe da noite
para buscar unha nube
que lles dea de mamar
un pouco de choiva un anaco
abaixo a calor palpita
e os pequenos grans de area
fúndense entre si
para facer unha alfombra de brillos
azuis máis azuis cas ondas
que lamen nela
tan metálica como os élitros dos insectos
que cantan pola beira
calmada a súa sede os labres
volven á boca e bícanse
para conter a humidade nun suspiro.

luns, 2 de marzo de 2015

á razón.


supoño que por fortuna
detestas aos mediocres
aos que non buscan a dita
e aborrecen as vixilias
aos que detestan a dor
e aman cegos o gozo
non cambies por nada
ningunha das vidas vividas
nin te encerres no teu corpo
senón para erguer a túa admiración
a carne que se disfraza
non a persegue o tempo
queda no recordo da felicidade
na memoria das causas antigas
que non poñen fin ao silencio
nin basean a vida nunha hipótese
quen garante a razón
da semellanza do home a da árbore
según os seus froitos
que choren!
o amargor da felicidade prometida
mentres esta a caer o sol
queda tanto inverno
para obsesionarse cunha caricia
e sen embargo beleza
o teu corpo me turba
o teu leito misterioso conmóveme
nada do que nos podía pertencer
nos pertence
nesta noite de entroido
na cas nosas miradas se perden
e as almas escapan como algo soñado
na ca razón pensa insensato ao sublime
lede con forza en alto
o misticismo artificial
néganos a sede da verdadeira natureza.




martes, 27 de xaneiro de 2015

en que estas a pensar.


os martelos golpean o silencio
afogando o choro da inocencia
a ignorancia fabrica asasinos delirantes
espertos decapitadores
tranquilos bebedores de té
quentándose nas terrazas
coa brasa dos libros de historia queimados
miserables e inoportunos
pero os pobres menten
e foxen como ladróns
pensan ca miseria aliviara á primavera
alimentan o entusiasmo
con fráxiles quimeras
e o corazón non se engana
non se pode enganar
perdese en lánxanos recordos
nun xardín esvaecido
onde os deuses non nos oian
o milagre da planta é a flor
o dialogo, a explicación da existencia
sen medo ao ouvido
e contar as esperanzas cos dedos
para dicir que se equivoca
a alma que dubida
por iso lemos en voz alta
nas tranquilas terrazas
para fríos bebedores de té
cheos dunha miseria inoportuna
non conseguiredes matarnos
aínda que nos asasinedes
un millón dun millón de veces.

mércores, 31 de decembro de 2014

aninovo.


o sol esperta a superflua humanidade
un maior pretexto
para cambiar a roupa
e encomezar un aninovo
coas maletas na consigna
para recollelas noutra data
non hai papeis nas rúas para apañar
nin bancos no parque
onde se deiten a pensar os viandantes
nin chaves no fondo do mar
quen vai a mercar fai que lle deron a volta
e mete a man no peto
só a man
detense un instante
para acariciarse tenramente a perna
e saber que aínda esta vivo
é preciso abreviar para vivir
homes e mulleres cigalas
comparten mesa
con homes e mulleres nécoras
seres adictos  de favores por corresponder
e cheos de conviccións nunha noite mística
na que so os que non saben nada da vida
poden esperalo todo
unha gran familia con algún segredo
por coñecer
quen modelara a árbore
cando volvamos a vernos nos mentiremos
e faremos que nos creemos
nunha noite de aninovo.