sábado, 24 de agosto de 2013

tódolos días.



as enfermidades non se curan
quérese o que non se ten
a felicidade non morre
por non habela soñado
nin por vestila de abelorios
nin hai máis posibilidades no mellor
nin  tampouco no peor
a fame?
non parara de berrar
ata ser saciada
e se non te embriaga  é que non existe
por que é fiel
tantas follas azuis dos eucaliptos
son lanzas curvas  que segan a foresta
para impedir edificalo futuro
a fame!
un anaco de pan no peto
para non desmaiarse
para amar so ao amor
ata que nos renda o sol
e quedarmos durmidos
mentres cas beiras dos camiños
nacen flores novas
despois de desexalo tódolos días.

mércores, 31 de xullo de 2013

pudor.


un neno espido le
mastiga o pudor presa do espanto
a sociedade civil estende a  falofobia
e durme detrás dun espeso velo
nunha mirada fatal
unha porta estreita da a unha habitación
inmensa
todo o que nos sucede nos leva vantaxe
arroxándonos á tristeza ou a felicidade
e cóllenos desprevidos
ninguén garda  unha frase para compartir
ninguén mira o que non pode ver
agás  o que xace no desexo absoluto
unha musica que nega o son
descubrilo teu sexo e quedar aterrado
un dia un  neno entrou na tenda do seu pai
e descubriu que do seu baixo ventre
colgaban  os  “virilia patris” que o crearon
converténdose  así  no escravo dos escravos.

luns, 29 de xullo de 2013

insania.



a loucura ten unha semente unha floración
e unha colleita que non pode verse

se non é na precipitación

nun torrente violento que nada pode impedir
o destino de tódalas cousas

a fonte da loucura é non topalo segredo da felicidade
non comprender tódalas loucuras ás que te vas a atrever

a libido é máis forte que todo o que quero
non é posíbel pensar sen unha imaxe na mente

tódolos que non teñen linguaxe
toman por verdadeiros os soños artificiais

e esquecen co verdadeiramente fascinante
é todo o que perdura máis ala da súa satisfacción

e da ledicia que procura.

 

 

 

 

domingo, 7 de xullo de 2013

perforatum.



Na emboscada a luz pinta de ouro o flanco
rabuñando  o camiño antes de durmir na sombra
ala onde se esconde na vexetación
onde fan noite os paxaros
entre paredes  das casas caídas
que semellan antigas fortalezas
o río bicando as terras por onde pasa
facendo un canto solemne
para chegar antes que nós ao mar
e nadar enriba de escamas de grandes peixes
flotando no ceo enormes madeixas de nácara
os días de espera e impaciencia
perforando as follas para ser bebidos
nunha infusión de hipérico
entre a gran fatiga do pensamento.

martes, 14 de maio de 2013

martes, 30 de abril de 2013

une goutte encore.



durmo  diante dunha ventá negra
o teu regalo último
e esperto diante da mesma ventá
non menosprezo o valor
do teu exercito
nin adoezo a túa condena cara min
pero…………… non hai quen interceda
ningunha parte da túa mente
podería entendelo?
a culpa tena a crise!
todo seria moito mais sinxelo
a miña saúde empeorou notablemente
meu espírito foise de vacacións
e deixoume o seu número de móbil
enriba da mesiña de noite
esta fora de cobertura non contesta
non chama tampouco
tan acompañados parece que estamos
como deben de ser os derradeiros
días por vivir cando se sabe que
cando se sufre é cando todo volve a un.



domingo, 14 de abril de 2013

papaventos. (para tí).


a esperanza vacila nela
para voar cara novos firmamentos
onde non hai espera
e suficientes forzas para falar
o mundo material remata no fío que a sostén
alimentadas de palabras
por riba da realidade tomando tódalas cousas
tódalas cousas da nosa paciencia
voando superiores as cabeleiras
tirando o seu alento dos nosos dedos
nosa civilización nosa cultura continua no pasado
e nos xogamos como papaventos
sobre un libro
no que nada se pode escribir
cantas veces pensei en converter
os farrapos sen ideais sen sorrisos sen beleza
en fíos que o vento desfaga
e suspendidos e caídos
podan servirlles aos paxaros para os seus niños
so as ideas permanecen
merecen ser salvadas de tódolos soños póstumos
un rinoceronte na praia leva nunha man
un papaventos e na outra a unha nena
os pasos dos dous pola area
van erguendo pedras preciosas
son o reflexo do firmamento que non vemos
dos brelos de tódalas estrelas
que desafian como os papaventos
aos seus ollos dende ala enriba do ceo.