sábado, 31 de outubro de 2026

zonchos.


 

novembro cheira a fume

e castañas cocidas

para levalas no pescozo

cheira a néboa

a zonchos batendo no peito

acompasando os pasos

camiño do cemiterio

entre muros de pedra

e alfabetos repetitivos

apoiados sobre eternos silencios

as nosas almas perdidas

idas entre as nubes

alá enriba tamén plantaremos

castiñeiros

para facer un colar máis grande

que o cíngulo dun frade

e volver a andar o mesmo camiño

novembro comeza nun

samaín perdido fai dous mil anos

coas ánimas rendendo contas

arredor das ascuas da lareira

apañando o que lle deixaches no prato

novembro cheira a zonchos

e a día de defuntos.