domingo, 27 de febreiro de 2022

entroido.


 

corre entroido

antes de que a coáresma

che faga preso

e fuxa na cuadraxésima cara xerusalén

corre entroido

que o sol comeza a renacer

neste mundo ao revés

de fariña e cinza

esperta

co teu látego e chocallo

ao carnaval ao ditado

sen decoro nin risas

nin saberse do prohibido

amigo fiel do establecido

tócalle o tambor aos pailáns

cambia as mentiras de hoxe

por un maña de grandes verdades

entroido

xa non son os tempos

nos que che deixaban

darlle a volta a todo

defendendo os teus valores propios

nin os ricos visten de farrapos

nin ninguén inverte o papel

que lle tocou vivir

corre entroido e non pares

para que os pobres se sintan ricos

nesta breve anarquía

corre e non perdas tempo

escupelle na cara todo o noxo do mundo

e manda a putin ao inferno.

 

 

xoves, 27 de xaneiro de 2022

rústico.


os animais pacen domésticos

sen conciencia

no seu cortello

o sorriso do amo ao servo

rompe un cristal

delibesiano

os trolls veñen de visita

cetreiros e gandeiros

xogan felices ao domino

mentres rifan galos de pelexa

as vacas sentan á mesa

facendo slow food

nun idílico latifundio

os gañáns

xa non entoan cancións

so onomatopeas

por exemplo: transxénico

os tristes tomaron a cabeceira

coa súa analepsis

para someter as enganadas

aos santos inocentes

coma sempre a vaidade

a un quilómetro cero

do esperpento dos señoritos...

(sigue ti se queres).



xoves, 30 de decembro de 2021

ofelia.

obedece ao mundo

nunha espera atoada

mídese polas sombras

que o tempo non ten

desprendese delas

de toda esperanza

que se manteña viva

quen se cre príncipe da súa vida

esta comezando

nese momento a morrer

no monólogo do que se cría

pois todo o que con el esperaba

xa non pode volver

xa non hai volta atrás

como as ilusións

non duramos mais que as cousas

por que por desgraza

algunhas cousas viven

mais que nós

sen necesidade de sentir

nin falar

nin pensar que son cousas

nin tan sequera

que na súa redor haxa alguén

para medir a lonxitude

das súas sombras

sen perder a cordura

fronte aos paos que da a vida

laertes avisa a ofelia

do perigo do verme das flores

que corroe a virtude

e as podrece a elas

antes de abriren as xemas.


venres, 19 de novembro de 2021

invicto.






que se vaia o frío dunha vez

este antipático tan antigo

que engule cos seus dentes

o final dos días

sen resentemento por nada

invicto

con total indiferencia

que se vaia o frío 

e que se pouse nun espello perceptible

para ver que existe

para recoñecerse a si mesmo

no seu xélido alento

que se quede nun recuncho

inmóbil durante un tempo

para que se desconxele o mundo

mentres esta quedo

esquecer os sentimentos

que nos produce

que se vaia o frío

para repasar as puntadas

dos nosos corazóns

con fío inrrompible

para sobrevoar invencibles

todo o seu desdén

sen que ninguen o nomee

ou o chame

que o frío trema de medo

ao caer na conta de que é frío.







mércores, 27 de outubro de 2021

verás.

 


so me encomendo ao mesmo rito

esperar nun recanto

da miña mente

para que todo comece a vivir

sentir na charca

o ciclo da vida

as plantas que move o fluxo

as burbullas de osixeno

que suben como boatos á superficie 

todos os días invisibles

son abstractos

cando os nomeas 

as ondas tremen sen cesar

contra os embrións durmidos

a néboa erguese e aperta as ruinas

dos conquistados paraisos

das libelulas

so imaxinados na memoria

os dedos dos pés na marxe

xeados mortos 

sobre as follas plateadas das bidueiras

que caen amando ao frío.





xoves, 23 de setembro de 2021

concreto.


parece que todo é o mesmo

que todo esta asegurado

que so decidimos os silenzos

que todo ten que ser agora

que todo esto existe

por que os nenos soñan

cun nobelo de cincuenta gramos

mentres o van desfiando

ata deixar de chover

para imaxinar correr

entre un labirinto de millo

a onde non poden ir

e o azar abrise sempre

a mesma folla do dominical.




sábado, 21 de agosto de 2021

seis con cinco.


 

meu punto de encontro

puxéronmo fronte un camposanto

as pegas choutan de cruz en cruz

moi cedo

ás sete da mañán

aínda de noite

ven unha señora maior

a visitar a súa filla

seino por que a porta golpéase

para avisar de quen entra

mirando cara atrás

parece vir dunha longa viaxe

o frío a esa hora pégase na pel

e en segundos vailla arrefriando

ata deixar de existir

cara o mediodía

como se o trouxera un salouco

ven sempre un home

que trae na súa man

unha flor vermella

e está o tempo xusto

como se non lle dese para vivir

pasmado

como a quen lle poñen un seis con cinco

a porta avísao de que está a saír

todo o que acontece é tan real

ninguén promete nada

que non poda cumprir

morrer non remata nunca

alí dentro

non hai necesidade de mentir.