venres, 25 de xaneiro de 2019

dasein.


hai un tempo no cas ideas
son perseguidas
por se fosen
murmuradas polo diaño
e a xente obrigase a esquecer
para que todo pase
como a xuventude eterna
a ilusión de cumprir
co seu cometido
e recoñecer os fins
do CORAZÓN
sen que importe
a traxedia dos presaxios
sen que importe adxudicarse
todo o que atrae a luz
se non é como unha curiosidade
sen entenderse

ESCOITA
ao galo de mercurio

ESCOITA!
sen temor a que resucite
aos mortos e se organicen
e inflúan nos factores políticos
con discusións sinxelas

CACAREXANDO
sen fame
pero con principio de causalidade
para alegrarnos co seu apetito

A RAZÓN DE TODOS

agora que ninguén se fía
de ninguén
agora que ninguén
e capaz de topala razón
en si mesmo
tan lonxe da coiné
volveremos a crer nas mazás
e sentirémonos axiologos
por non ter mans
que as queran recoller
agás para os porcos

a nosa existencia
para que todo pase
como a nosa xuventude eterna
para recoñecer os nosos fins
cando canta
o galo de mercurio.



domingo, 6 de xaneiro de 2019

sefania.


tódolos herodes sentan hoxe
no seu trono
a ler por enésima vez a profecía
ante os seus novos escribas
e sobre as súas ventás
de inhumanas conquistas
estenden a pel dun ofidio
que cae sobre unha terra
de árbores mortas
fora do limite do caos
nesa viaxe do cosmos
no punto de partida
onde nos topamos nós
onde a roda xira
onde se sortean tódolos fraudes
na cidade da aquí abaixo
tódolos anos
ao longo de tódalas nosas vidas
volven a camiñar os reis
a sefania adrumenta
á súa heroica fatalidade
ao seu martirio
despois de topar ao Pai na voz do seu Fillo
a gran antítese
un plan perfectamente escrito
non feito para o simplismo
Él chamase a única vida
o único Sol o único Espírito
a creación horizontal
o Verbo
ao outro lado da túa porta
na cidade de ala enriba.



venres, 14 de decembro de 2018

alcaiota.


e si………….
cun broche de falso metal
cheo de corre ve e dille
alimentas coa túa lingua
o animal miserento e insaciable
un macaco que transita
pola túa cabeza
e ménteslle dicíndolle
que non toma parte
nesta triste debacle

nunca te miraches tan bela
dentro do teu espantoso engano
pensas que eu non sei
da túa presenza
mais ese odio que inventas
non che deixa vivir
aínda que te vistas de seda
e si………….
viñeches a cambio
de non querer verme diante
ese acordo que acadaches
de non pensar 
na febre do corpo 
na vida que nos queda

pero todo ten unha razón
para estar
incluso a túa inutilidade manifesta
e si.............
tentas retrasar por máis tempo a túa hora
xogando ás agachadas
para seguir exercendo este aldraxe

non nacen flores en decembro
por máis ca ti as imaxines
nin toda esa grinalda de sapos
que adorna a túa ilustrada cabeza
e si.............
pensativa aínda podes
frotar ditosa a túa bandexa
onde serves os teus fiambres
para ofrecerllos ben mortiños
aos teus agradecidos comensais.



venres, 16 de novembro de 2018

cristiñade.


o vagar deixouno todo
mentres o san martiño
parece aloulado
e unha alfombra
intacta que tece o outono
consola co seu perfume
a terra de cristiñade
de ortodoxas néboas
río enriba en lene alzado
ata onde empeza o mundo
sublime e ceibe
as imperfectas alegrías
que tingue o corpo
o fedor da fame
un apetito perfecto
na memoria
a terra fumegante
mirando apiadada
ao ceo húmido chuvioso
que lava a pel da cepa vella
mentres sen tempo
conversa coas súas  follas mortas
unha alfombra que tece o outono
para falar da ebriedade
antes de saciarse dela
non é alimento senón vertixe
a ebriedade da terra
e tódolos seres que transitan
debaixo do seu manto
que non é so o seu camiño
senón saciar a súa fame
tódolos días cando remata a tarde
na terra de cristiñade
as pedras dos muros antigos
apáganse
para gardar un pouco de vós
o voso verdadeiro abecedario
que agora deletrean os corvos
nas polas das árbores
mentres van pasando debaixo
as vosas almas espidas
para saudar á ausencia
nas lívidas noites
esvarando os seus pés figurados
no musgo dos estreitos camiños
escoita!
onde vai a antorcha
onde vai a antorcha
e a luz que vos guiaba.




luns, 22 de outubro de 2018

a causa.


díxolle:
toma toda a terra nas túas mans
e el quedou calado
para logo mirar con arrepío
e nomear a súa apatía
a nostálxica mirada do político
perdida nas fachadas
das vellas pensións de transeúntes
dos arrabaldes das cidades
para amar aos homes
canto máis miserentos máis belidos
canto máis belidos máis covardes
unha canción convertida nun drama
tódolos instantes fuxidos
todo o progreso truncado
tódalas formas de producir
o fedor que apesta á falta de prosperidade
todo o que impide dicir vosoutros
todo o que fai aos homes
inimigos de si mesmos
todo o que nos fai repetilo pasado
aprazalo tempo
para converter as peores covardías
o pobre aborrecer
do novo político
a súa división coa realidade
a incomprensión perpetua
da súa pertenza á súa crase social
para poder amar aos homes.



xoves, 4 de outubro de 2018

e.



nun momento de confusión
acurruqueime para tentar
volver ao teu ventre
e triunfar sobre o meu corazón
pero a noite estaba moi avanzada
e eu esquecín darte as boas noites
non te acordas
cando estudabamos xuntos dasometria
e os números respondían aos números
como o amor responde ao amor
aínda nun terreo sen construír
pero si a alma humana
imaxina con mais facilidade a beleza
tanto como as tenues mentiras
a terra é máis grande
por que o contan os paxaros
por que voan
coa súa memoria perfecta
e alguén dende unha atalaia
confesara a súa gloria
sen un mísero vaso de auga
co que enxaugar os seus labres
enriba dun pobo illado
e proseguira con inmensa tristeza
para que non quede entre nós
ningunha mentira
e sobre as nosas mans
ningún árido deserto
que belo debe ser todo isto!
e poder preocuparte dos teus fillos
e triunfar sobre o teu corazón.


venres, 28 de setembro de 2018

téntame.



si me axudas a crer
nos encontros evocados
esquecerei por un instante
que o porvir esta cheo de pasado
nunha folla ao azar dun libro
para saciar esta inquietante  travesía
e caer dende un pensamento
moi alto
téntame para non repetirnos
axúdame a crer
que é máis importante mirar
que o obxecto mirado
que é mellor improvisar
para salvar un embarazo
e que so pronunciaremos  
os nomes propios
por que non hai
nada mais que imaxinar
que cando me tentas
axúdasme a crer.