luns, 22 de outubro de 2018

a causa.


díxolle:
toma toda a terra nas túas mans
e el quedou calado
para logo mirar con arrepío
e nomear a súa apatía
a nostálxica mirada do político
perdida nas fachadas
das vellas pensións de transeúntes
dos arrabaldes das cidades
para amar aos homes
canto máis miserentos máis belidos
canto máis belidos máis covardes
unha canción convertida nun drama
tódolos instantes fuxidos
todo o progreso truncado
tódalas formas de producir
o fedor que apesta á falta de prosperidade
todo o que impide dicir vosoutros
todo o que fai aos homes
inimigos de si mesmos
todo o que nos fai repetilo pasado
aprazalo tempo
para converter as peores covardías
o pobre aborrecer
do novo político
a súa división coa realidade
a incomprensión perpetua
da súa pertenza á súa crase social
para poder amar aos homes.



xoves, 4 de outubro de 2018

e.



nun momento de confusión
acurruqueime para tentar
volver ao teu ventre
e triunfar sobre o meu corazón
pero a noite estaba moi avanzada
e eu esquecín darte as boas noites
non te acordas
cando estudabamos xuntos dasometria
e os números respondían aos números
como o amor responde ao amor
aínda nun terreo sen construír
pero si a alma humana
imaxina con mais facilidade a beleza
tanto como as tenues mentiras
a terra é máis grande
por que o contan os paxaros
por que voan
coa súa memoria perfecta
e alguén dende unha atalaia
confesara a súa gloria
sen un mísero vaso de auga
co que enxaugar os seus labres
enriba dun pobo illado
e proseguira con inmensa tristeza
para que non quede entre nós
ningunha mentira
e sobre as nosas mans
ningún árido deserto
que belo debe ser todo isto!
e poder preocuparte dos teus fillos
e triunfar sobre o teu corazón.


venres, 28 de setembro de 2018

téntame.



si me axudas a crer
nos encontros evocados
esquecerei por un instante
que o porvir esta cheo de pasado
nunha folla ao azar dun libro
para saciar esta inquietante  travesía
e caer dende un pensamento
moi alto
téntame para non repetirnos
axúdame a crer
que é máis importante mirar
que o obxecto mirado
que é mellor improvisar
para salvar un embarazo
e que so pronunciaremos  
os nomes propios
por que non hai
nada mais que imaxinar
que cando me tentas
axúdasme a crer.

mércores, 22 de agosto de 2018

ao longo do día.


os ximnastas so fan cousas rítmicas
os peixes nadando
as moscas voando
ou coma os pésames
os chinchos ocupando
todo o espazo dos veráns
tan lexitimo como todo o contrario
ou a terra que por ser inmensamente fermosa
murchase cando se pisa
e o que parecía inmortal
esmorece á vista dos moradores
incrédulos

ao longo do día

os brigadistas
miran non sei que horizonte
para apagar lumes alleos
e pasar de heroes
mentres dura o incendio
e despois que se apaga
a ser uns miserentos

ao longo do día

non hai nada determinante
non sendo as consecuencias dos actos
para os que viran mais tarde
xa non quedara voluptuosidade
para poder tomar conciencia
nin ritmo nin canto
tan vago como o que non espera nada
todo isto  xa o debeu de ver alguén
nalgunha parte
xente comendo e bebendo posesas
nas festas inacabables
xente matándose por un anaco de area
xente matando o pouco de terra
que nos queda
non basta con aniquilar o outono
e a primavera do calendario
incluso dentro de nós
e  deixarnos enganar
por tódalas  súas ficticias certezas

ao longo do día

os brigadistas fan cousas rítmicas
desgrazadamente rítmicas
crer o que non son
facer o que ningún gremio faría
enganarse en van
poñer o egoísmo por diante
ou acomodarse á miseria

ao longo dos días

os brigadistas son
unha sorte kafkiana

os brigadistas non apagan
o verdadeiro lume cos queima.



venres, 13 de xullo de 2018

domingo, 10 de xuño de 2018

gárgola.



teño o fervor que aperto
contra min
e un manto de musgo
mirarte a ti
e ti me ves
noutro concepto marabilloso
nas metamorfoses
metade animais
metade pecado
tan grotesco coma benévolo
cando todo o que tes
cheira a algo
e parece que estamos ocupados
cando diminúen as voces
e enumeras todo o que es
para morder unha nube
que pasa
ou no olvido dos veciños
nunha estraña calma
nos ollos dos outros
sumidos na contemplación
eu son unha gárgola
que se impacienta
entre dragóns e demos
espidos e fríos
con ás e rabos
e grandes orellas
esperando á choiva
para botarte auga pola boca
despois dun consolo infinito
entre tantas quimeras
nun grande gurgullo gastrocéfalo
pola lingua que me esculpiron.



venres, 11 de maio de 2018

irmá.


eu tamén estou buscándome
entre todos os meus retratos
cando a conxuración
parece o mais adecuado
un golpe de vista
un cabalo desbocado
daquela estación dividida
que afastou as nosas mans
un medo profundo
un tremor exaltado
e teño que confesar
que busco entre os vestidos
o que me permita ser
o meu propio actor
irmá mírao ben
aínda que se apodere de min
unha intransixente angustia
todos estes anos tragando saliva
xa non hai principiantes
como si todos coñeceran o final
e non existira o inesperado
rezar para que volva a infancia
os significados queridos
para saquear a vida que nos ofrecen
adoecida de curiosidade
irmá mírao ben
quen ten recordos?
se non son enterrados
para cambiar o seu rostro
con estraña rapidez
como dentro dunha estampa
dun falso santoral
onde a sangue permanece durmida
e resulta moi difícil a simplicidade
pero irmá mírao ben
agora achegouse a primavera
todo luce como novo
as terrazas como antes
seguen alegres
a salvia florece e embriaga
e os coleópteros con sorna
volven aos seus recordos amorfos
onde non hai resignación
por que viven para comprender
que o amor de dous corpos
non é unha sinal para asaltar
a súa felicidade.