martes, 27 de xaneiro de 2015

en que estas a pensar.


os martelos golpean o silencio
afogando o choro da inocencia
a ignorancia fabrica asasinos delirantes
espertos decapitadores
tranquilos bebedores de té
quentándose nas terrazas
coa brasa dos libros de historia queimados
miserables e inoportunos
pero os pobres menten
e foxen como ladróns
pensan ca miseria aliviara á primavera
alimentan o entusiasmo
con fráxiles quimeras
e o corazón non se engana
non se pode enganar
perdese en lánxanos recordos
nun xardín esvaecido
onde os deuses non nos oian
o milagre da planta é a flor
o dialogo, a explicación da existencia
sen medo ao ouvido
e contar as esperanzas cos dedos
para dicir que se equivoca
a alma que dubida
por iso lemos en voz alta
nas tranquilas terrazas
para fríos bebedores de té
cheos dunha miseria inoportuna
non conseguiredes matarnos
aínda que nos asasinedes
un millón dun millón de veces.

mércores, 31 de decembro de 2014

aninovo.


o sol esperta a superflua humanidade
un maior pretexto
para cambiar a roupa
e encomezar un aninovo
coas maletas na consigna
para recollelas noutra data
non hai papeis nas rúas para apañar
nin bancos no parque
onde se deiten a pensar os viandantes
nin chaves no fondo do mar
quen vai a mercar fai que lle deron a volta
e mete a man no peto
só a man
detense un instante
para acariciarse tenramente a perna
e saber que aínda esta vivo
é preciso abreviar para vivir
homes e mulleres cigalas
comparten mesa
con homes e mulleres nécoras
seres adictos  de favores por corresponder
e cheos de conviccións nunha noite mística
na que so os que non saben nada da vida
poden esperalo todo
unha gran familia con algún segredo
por coñecer
quen modelara a árbore
cando volvamos a vernos nos mentiremos
e faremos que nos creemos
nunha noite de aninovo.

luns, 1 de decembro de 2014

un país.


érguete  e contémplate
tes moitas terras por traballar
e un gran colar de ríos lles dan de beber
mentres nós morremos de sede
as rás nadan nas túas augas
non se aprecia a fortuna
por máis que se vote de menos
crin que nos amabas
pero so amas a túa equivoca beleza
detívenme nun camiño
a sacarte as sandalias e lavar os teus pés
cheos de po e fango
e ti agasállasteme cunha labazada
co teu cabelo sobre a miña cara
todo o que dis doe
e o teu amor polos teus súbditos
é unha infidelidade
votaches aos nosos fillos á súa sorte
noutras terras lonxe e alleas
por venderte aos ignorantes
aínda mudo e cego
segues ordenando as nosas vidas
e convidando aos teus banquetes
a tódolos indignos
érguete e contémplate
sen buscar unha escusa
así desagradecido e humillante
despois de deixarnos
cando aínda sentiamos amor por ti
e te buscabamos no noso leito
para topalo baleiro e frío
obrigados a ter que fuxir
como ladróns no noso propio pais
perseguidos polos nosos pensamentos
amantes apaisanados
rehuindo de nós mesmos
ante seres administrativos e invisibles
un dos dous debería morrer
para que vivira algo
para que a túa terra
dera de comer a tanta pobreza
que obrigas a esconder
mentres outros e outras
comen do teu banquete e as túas risas
o perpetuo triunfo da miseria
a abundancia para os porcos

do teu Pais.

martes, 28 de outubro de 2014

savoy.


na de eduardo un mediodía de gaivotas
sobrevoa as nosas cabezas
a vida de moitos esta marcada
pola equivocación
para perdela razón de ser
a vida de moitos esta aínda por demostrar
mentres esperan
séntense desconsolados
crendo que xa non ai nada
constrúen razóns baseadas en sentimentos
e verdades únicas
dispostos a defendelas aínda errados
ata cunha mañá nos sentamos
na terraza dun bar
ese que te pide esmola
ao torcela mesma rúa
ten o seu bmw aparcado
mete o canciño no maleteiro
e colga o crucifixo que leva no pescozo
no espello retrovisor
se equivocaron
nos equivocaron
para perdela razón de ser
unha pancartiña de cartón non é suficiente
para imaxinala dor doutro
para comparecernos e aliviarnos
non sei
que estraña víscera é o corazón?
na terraza do savoy
a esperanza é unha moeda de vinte céntimos
que vai sorteándose entre as mesas
o recordo da felicidade
para pedir sen medo
do que xa non volvera a ser
un caro bmw e un canciño de pedigree
xa non nos deixamos levar polas ideas
maldito pensamento! imaxinala dor allea
na terraza do savoy
nun  gran salón na rúa
eduardo desliza as frases a sorbos curtos
para deixar repousala súa mirada
un tempo atrás
con coidado despois de feitas
as illas son crebacabezas de recordos
que se ensamblan na mesa
sobre o aire que pasa morno
entre o cheiro lonxano da herba
do fento seco e salgado
do carballo que se aperta con forza á terra
e berra alto non me cortes aínda
déixame que creza
déixame namorarme do imposíbel
chegar ao ceo antes de que esvaeza
na terraza do savoy
os nenos xogan alleos
ao sosego dunha fe que atormenta.



mércores, 8 de outubro de 2014

a muller de Lot.


a ti que noutro tempo
chamábaste con outro nome
unha queixa inútil
déixache tódalas esperanzas
resinácheste
sen aceptalo que propoñían os homes
todo é moito mellor
máis belo
que aceptala miseria
retroceder á nada
a ti que tanto lamento
levoute a mirar cara atrás
ata converterte nunha estatua de sal
inmóbil ás caricias
e a tódalas  invitacións á felicidade
para ocultalo teu medo
que te adormece aquí abaixo
onde todo se impón sen probas
que seria de todo isto
antes de sentir que te vas
sen sentir temor nin dor
mentres o ceo avanza en Sodoma
chove lume e xofre
e as súas terras son sementadas de sal
pero o día é para outros
para os que non encheron a súa vida
esta mañá parecese a unha gaiola valeira
na espera de corazóns lóxicos
con cantos aínda por inventar
para descansar dunha acelerada fuxida
e bailar unha danza de pesares
coas ás estendidas
para ti que chamábaste con outro nome
fago nubes coas migas de pan
para non volver a dixerir o que outros dixeriron.

mércores, 24 de setembro de 2014

cans.



parecemos cans errando no atardecer
xa non chegamos cansos á casa
despois de traballar
os corpos son despensas baleiras
diques deshabitados
as portas xa non se abren á felicidade
co corazón ausente
esperamos a que suba o rabaño
monte arriba
cans errando no atardecer
miramos dende alí a aldea
anegada nun mar de recordos
a herba onde languidecen
tódolos tesouros dos campos
un corpo de muller estendido e ausente
que vive no pretérito
e fora ela mesma quen se contempla
a nós tampouco!
a nós tampouco nos deixan os desexos
prodúcennos sede
e enchemos tódalas copas
ata que nos botan da casa bébedos
para durmir no olvido
para sentarnos tan preto de nós
os cans
gardamos ás presas mortas debaixo do solo
para próximas fames
e coroamos as nosas cabezas de fatiga
para non sentirnos nunca saciados
para esperar
para esperar que suba outra vez o rabaño
monte arriba
e mirar outra vez o atardecer
os cans
todos escoitamos  o desacougo das nosas almas
chemineas que fumegan nomadas e imperfectas
onde esvaécese o canto das cousas soñadas
onde todo durme
e un cortexo de ausencias 
espera que se faga de día
cans errando despois deste longo atardecer.



domingo, 7 de setembro de 2014

aritmética.



a  fe pensa que crer é fácil
e non ama senón que adora
aniquila a vontade
constrúe imaxes de cera
que se desfan en ardentes corpos
bébedos de suor
e números inútiles
que berran cando falan
en nome da autoridade
problemas que se pechan con portas
sen tempo nin reloxos
os días detéñense
nunha visión individual
non se coñecen as árbores
polos seus froitos
por que os números son absolutos
e os persegue o silenzo
onde os corpos pesan
os  números son recordos
evocadores do pasado
a pesares deles mesmos
e tamén de queixas violentas
de datas de débedas
de pagos e cobros
de festas e tristezas
os números  non saben chorar
nin senten magoa
pola caída da tarde
asasinan ao azar coas súas razóns inútiles.