sábado, 14 de xuño de 2014

respiro.


respiro as partículas de aire
sen comprender nada
entre xentes e edificios
e eu non vos vexo
trato de escribilo
aínda que non haxa nada que dicir
trato de intentalo
non é posíbel compartilo
incluso o bo deste abandono
toda esta espantosa realidade
queredes esquecer case todo
as torturas nas prazas públicas
a deixade de auxilio
os manicomios
agocharvos no limite do voso alento
encher as noites de luz e de ruído
para asustar aos vosos medos
pero tódalas mañas
facedes o mesmo debuxo
todo o que rexeitan os vosos soños
non creades que me decepciono
por non vervos
e respirar o voso fedor repugnante
tódolos vosos tormentos
tódalas vosas miradas detidas
antes de chegar máis ala do coñecido
soberbia
da vosa existencia desramificada              
en cada partícula de aire
as vosas salivas non enchen o mundo
e os vosos corpos non están trazados
en ningún mapa

respiro grazas a todo o que me afasta de vos
todo o que me afasta dos homes.




xoves, 5 de xuño de 2014

sortilexio.

non desexaba mirarte
e collín un libro para ocultarme
ata topar cun punto e aparte
sortilexio
imaxinei cun día o interpretaría todo
despois de poder saltar
cara o inicio do seguinte paragrafo
alcei a vista
quen quere saltar un obstáculo
ou rematar con tanta torpeza
e funme contra unha letra de pedra
a quen tiña que humillar
para seguir adiante
non desexaba mirarte
sortilexio
era alí onde morría o mito
e baleiraba todo o libro de contido
algo así como a simplicidade da vida
non estou seguro
de levar tódalas letras comigo
nin de coñecelas todas
nin que en cada silencio
proxéctese a sombra da agulla do reloxo
sen ter en conta o ángulo de inclinación
non hai traxes para disimular a dor
e eu caín enfermo
afastado da certeza
non basta ter recordos
eu non penso no medo vou onde el
liquidando tódalas existencias
cando chegue o verán os días serán adultos
e inventaremos as palabras máis doces
as que nunca foron amadas.


domingo, 25 de maio de 2014

a un rapaz.



Tan novo na luz destes meses novos que volven sobre Roma e que a nós,
ancorados noutra parte a unha luz doutros tempos, nos parecen traídos por ventos vanos,
ti, con fresco pudor e inxenuamente desapiadado atopas para ti e para nós a túa presencia.
Co sorriso turbado de quen soporta timidez e xuventude con alegría,
ves entre os amigos adultos e con humilde orgullo, ardentemente mudo, te sentas atento
ás nosas ironías, ás nosas paixóns. Te dispós a imitarnos e a manterte distante
avergonzándote case do teu corazón festivo… ¡ Gústache este mundo! Acaso non por novo
senón porque existe: para ti, para que sexas nova testemuña, doce-contento por elo…
Quedas con nós uns minutos, discreto, e anque tímido falas apuntando a agudeza
da xovial, paterna e precoz sabedoría. Expós orgulloso a túa debilidade
de adolescente, ferido a penas polo ridículo que ten a humildade excesiva nun mundo inimigo…
No momento xusto nos deixas, regresas á secreta luz dos teus primeiros días:
á luz que a bo seguro ti podes contar ni nosoutros lembramos, unha luz de abril
na que a conciencia roza cos seus brotes tan só a vida, aínda non a historia.
Ti queres saber, de nós: aínda que non preguntes ou preguntes calando, xa apartado e de pé,
ou expoñas algunha pregunta cos ollos vergonzosos, sabendo teu corazón que é vano teu atrevemento
si de nós queres saber o que aos teus ollos somos, si queres cas perdidas noites
do noso tempo sexan como pretende
a
túa fantasía, e que tan heroica como ela sexa
a parte da vida que imos consumindo como xoves desesperados nunha patria afrontada.
Queres saber os medos mudos e os inmaturos actos -entre escombros, cárceres e rúas valeiras-
das nosas figuras para ti xa remotas. Queres saber, e o rostro infantil incendiásete,
ti tan puro, o mal, tan límpido o ouvido que está nos recordos reavivados onde cravas
o ollo ferido, tomando partido, enteiramente, por quen loitaba en nome do sentimento verdadeiro.
Queres saber qué gañamos con aquela aventura, en qué cambiou
o espírito desta pobre nación onde sentes entre nos a túa primeira paixón;
esperando que todo o que te precede, Igrexa e Estado, Riqueza e Pobreza, topen 
entendemento no teu doce desexo de vida… Queres saber a orixe da túa pudorosa
ansia de saber, si ésta xa deu proba de tanta vida en nós e agora incuba
nova vida en ti, nos teus coetáneos. Queres saber qué é a escura liberdade
descuberta por nós e topada por ti, gracia tamén ésta, na terra renacida.
Queres saber . Non hai pregunta sobre un feito para o que non hai resposta: que só treme no peito.
A resposta, si a hai, está no puro aire do crepúsculo, acendido sobre as tapias
do Vascello, ao longo dos edificios apiñados no corazón do sol que declina.
As tardes desesperadas pola excesivo morno que nos fríos outonos esquecida morre
ou esquecida en novas primaveras de pronto volve -ás exasperadas tardes
nas que ti, feliz pola túa roupa nova o pola inminente cita cos xoves sinxelos
coma ti, felices, sales lixeiro da casa mentres no barrio soa a tarde invadida
polo último sol- penso en aquel serio, candoroso rapaz, cal silencio está na túa pregunta.
Só el, en verdade, podería responderte si nel foi, como en ti, pura esperanza o mundo.
Era unha mañá na que soñaba inconsciente unha luz do mar no horizonte rosado:
cada chisco de herba, crecida a duras penas, era un chisco dese esplendor opaco e inmenso.
Viñamos calados polo noiro escondido, ao longo da vía do tren, lixeiros e aínda cálidos
do noso último soño común no denudo celeiro entre os campos que eran noso refuxio.
Ao fondo Casarsa alborecía sen alento co terror da última proclama de Graziani;
e a estación, golpeada polo sol contra a sombra dos montes, estaba valeira: máis alá dos ralos troncos
de moreiras e de silvas, so na herba da vía, esperaba o tren de Spilimbergo…
O  vin afastarse coa súa maleta na que, dentro dun libro de Montale, apertado
entre un pouco de roupa, estaba o seu revólver; o vin afastarse no branco cor do aire e da terra.
Os ombreiros un pouco xustos na americana que fora miña, a noca xovenciña…
Volvín polo camiño ardente, pola herba de marzo baixo o benigno sol;
entre a lama verde de estrugas, o rego calaba nunha paz de antigas primaveras,
e os renacidos ravos que exhalaban un olor apagado e agudo do orballo
cubrían o dorso da vella escarpadura, grande como a terra no aire quente.
Despois torcía o sendeiro cara o corazón do campo: libres no orde humilde, loucos na cristiá
paz do traballo, mudos no amor elocuente, calaban as moreiras, bosquiños de ameneiros e sabugueiros,
viñas e casaríos azuis de sulfato no vello mediodía da viva creación.
Demandando saber, ti nos queres atrás ligados a ese dor que aínda envolve o peito.
Nos quitas esta luz que para ti brilla enteira, pois é da nova xuventude cada nova tarde…
Nós, envellecidos, xa non damos máis que doloso amor á túa risoña fame.
Incluso a túa piedade ¿qué di senón ca vida só en ti é feliz?
Pois por sorte ese pasado noso, real, mais como un soño, está no teu corazón agradecido.
En realidade non existe, es libre del e buscas nel tan só o que pode servirte agora…
Na túa vida nova non existiu nunca fascismo ou antifascismo: nada do que sabes
porque queres saber: en ti existe só, como unha cruel e doce flor, o presente.
Que todo realmente renaceu -e que todo está acabado- está escrito no teu sorriso amigo.
É vicio recordar, aínda que é deber; a esas mañás mortas, a esas mortas tardes
de fai doce anos, non sabes si é máis o rancor o a nostalxia o que ata noso corazón…
¡Fose conciencia abstracta a sombra que nos envellece, voz que contradí a presencia vital!
¡Fose, como é en ti, desapiadada alegría de saber e non a amargura de saber que hai en nos!
O que podíamos responderche se perdeu. Só pode falarche -si ti, rapaz, coñeces o mudo
novo linguaxe seu de rapaz- quen alá quedou, na luz do pranto…
Xa case era verán e os cores máis belos ardían no suave sol de Friuli.
O millo xa alto era unha bandeira despregada na terra, e o vento a movía
entre as ternas luces, reaparecidas para encher de antiga festa o aire entre os montes e o mar.
Todos estaban cheos de desesperada alegría: sobre o morno po das rúas, galerías
E balcóns tremían de panos vermellos e trapos tricolores; polos sendeiros, polas gabias,
cuadrillas de rapaces ían felices dunha comarca a outra, saídos a un novo mundo.
Meu irmán non estaba e eu non podía berrar de dor, era demasiado curto
o camiño ao celeiro perdido nos campos, onde durante un ano a inxenua, eternamente xove,
pobre nai nosa había esperado, e agora seguía esperando, baixo o temperado sol…
Pero ten razón a vida que está en ti: a morte, que está no teu coetáneo e en nos, se equivoca.
Nos deberíamos preguntar, como fas ti, deberíamos querer saber co teu corazón que florece.
Pero a sombra que está xa dentro de nos gaña cada vez máis tempo, afrouxa todo lazo
coa vida que, aínda, unha forza amarga nos anima en van a vivir e comprender…
Ai, o que ti queres saber, rapaciño, acabará sen ser preguntado, se perderá no dito. .

Pier Paolo Pasolini.

sábado, 17 de maio de 2014

afogo.


non é certo co traballo afogue
ás noites durmo o xusto
para saír pola ventá
e poñerme a andar pola estrada
na busqueda do éxtase
vou sen esforzo
a dor presente achegase dende atrás
e non parece unha desculpa
para non seguir cara adiante
dóeme o estómago
hoxe podiamos coñecernos
ás noites durmo o xusto
para saír pola ventá
ao final desta estrada
hai unha morea de especuladores
de barra en barra
movéndose coma monecos
na pista de baile
e non podemos decaer
aínda sabendo
que tódolos pensamentos das nosas vidas
non rozan ás súas almas
é marabilloso traballar tanto
incluso ata deixar de ser
retraso canto podo a hora de deitarme
para saír pola ventá
e poñerme a andar pola estrada
na busqueda decrecente do éxtase
algo que sei que nunca toparei
unha obsesión enervante
que remata nunha doce angustia
día tras día
o silencio da noite
ven a min coma unha fermosa melodía
que retumba coma un eco
na miña ventá
que se transforma en fuga
un mortal frenesí
sen esforzo
na busqueda do éxtase.

martes, 6 de maio de 2014

metamorfose.



quixen ser un paxaro
no medio de moitos ungüentos
e para miña magoa
transformeime nun asno de ouro

perfumado en madeiras de oriente
por esixencia do meu amo
copulo no anfiteatro
onde a matrona que me posúe
para sumirnos no bestialismo
me unta en aceite

a curiosidade
converteume nun animal
os animais non coñecen o delicto
de ter amor fora do matrimonio
nin tampouco de mentir

agora paréceme coñecer o invisíbel
a voluptuosidade das bestas
que non esta nos cortellos

priarpo mandou sacrificar
a tódolos asnos

e psique non pode ver a cupido
á noite a escuras
ata que acende e descubre a súa beleza
cáelle unha gota de espelma
que o esperta e fuxe
ela leva dúas moedas na súa boca
e agora viven dentro dunha caixa
chea de soños

eu berro o nome do cesar
e sáeme un orneo

prométecheme desfacelo feitizo
e aquí estou amestrado e exhibido

pero mirádeme
onde esta o mar purificador?
onde esta isis?
onde están as rosas?

para devolverme a humana forma.

martes, 29 de abril de 2014

teseo.

citeime coa mañá nunha fonte
atrás quedaban
a cidade e os seus servos
a idea de deixar de ser
é insoportable
tanto como non deixar
unha porta entreaberta
ou negarse
ao tenue encanto da fatiga
á resistencia do eu
a un tempo pasado
despois de buscar un pouco
de soño
fun por loureiro que non topei
a mañá estaba sentada na fonte
como se tratara de despedirse
o sol tendía a roupa mollada
despois de lavala
para prolongar o devir
que faría eu se volvera a min
eu que crin ao meu pai morto
aos amargores que non sacian
de todo o non convencido
así foran froitas que manchan
os labres ao mordelas
a mañá foise sentada
nun navío de follas
alcanzando as ondas
que subían e baixaban
sorteando os muros
as casas pechadas
as corredoiras mortas
tódolos recordos que non dan sede
a mañá foise para non volver
na cabeza dun minotauro
alá espera Teseo nunha fonte de pedra.

mércores, 16 de abril de 2014

esbozo.


encerreime  na soidade
xa vai moito tempo atrás
falar non era posíbel
non fun correcto ao uso
deixei desenvaiñalas palabras
e fóiseme a vida nelas
foi a carne
estiven anos e anos en dolo
comigo mesmo
a miña actitude era contraria
ao meu desexo
unha casa e moitas flores
despois do loito ven o casamento
unha noite en vela
cerca o un do outro
pero sen vernos
o día ca miña nai pariume
houbo un eclipse no ceo
mudaron de cor os campos
na terra nas árbores
nacían froitos pretéritos
non te vexas
fai pouco chorabas
non te mires
a túa man olvidada
o sacrificio xa esta feito
so poderán separar os nosos corpos
o limite do real perdese
cando o teu nome
na miña cabeza escoito
canta aos amores mortos
que despois do loito ven o casamento.