venres, 25 de outubro de 2013

falsa causa.


 
eme aquí  
non adoro imaxes deste culto austero
mais que a razón que adoezo
que a sen razón repudio
quen perverte?
quen excita ao espírito?
a carne mentres o corazón durme
cando estamos preto da felicidade
pasamos por ela sen acadala
durmidos
nun berro de dor é goce sen reloxos
eterno ata cando sen sentila ao meu lado
divididos nun enigma
en falsa calma a razón durmida
idos os xoves lampiños
que despois das súas chaladuras
temen os pequenos buracos da noite
e covardes vanse bébedos  e dóciles
ala cando os dedos se enlacen
e os corazóns confiados se escoiten
e cheguemos ao bico sen temer
que o amor nos distraia
escoitaremos de verdade á alma.

venres, 11 de outubro de 2013

acórdaste.


acórdaste?
cando a marea anegaba o delantal
unha mañá calquera
afogando as dubidas entre grans de sal
e dende abaixo do val
subía Venus a saudarte  antes de marchar
e a herba era un mar violeta
so quefaceres domésticos
contemplando como un faro
acendía as luces sobre a mesa
mentres ordenabas a roupa
a túa memoria dispersa pasada e antiga
movía as ramas
o perfume húmido que esperta en outono
o ir e vir dos príncipes encantados
nun ensoño
acórdaste da risa columpiandose nos teus labres
fogar leite e pan quente todo gardado na alma
e a paz do sol bicando a ventá
afastando as nubes da cociña soprando
mentres eu te escribo este poema
para non deixar de velo faro
acordándome
que sobre túa mesa as luces acende.

xoves, 3 de outubro de 2013

levántate.



non importa para ser sublime
deitalo corpo nas escarpas do cilicio
ou pasar fame ata o éxtase
por fervor
durmir un soño que antollase divino
pouco importa o orgullo
para embriagarse das perdas
pois as ganancias leváronas
para as súas diásporas
a ninguén perturba esta proba soberana
para saberse puro basta un dia
a soas corpo a corpo
apalpando tanta nobreza
dunha vida tan elevada, que digo!
alta moi alta
tanto que naide lle chega
mellor seria cortarlle as ás
máis sabendo ca vida lles repugna
mellor desbrozalas ideas todas
ata chegar ao mineral
é dicir ata o autoanális

sábado, 24 de agosto de 2013

tódolos días.



as enfermidades non se curan
quérese o que non se ten
a felicidade non morre
por non habela soñado
nin por vestila de abelorios
nin hai máis posibilidades no mellor
nin  tampouco no peor
a fame?
non parara de berrar
ata ser saciada
e se non te embriaga  é que non existe
por que é fiel
tantas follas azuis dos eucaliptos
son lanzas curvas  que segan a foresta
para impedir edificalo futuro
a fame!
un anaco de pan no peto
para non desmaiarse
para amar so ao amor
ata que nos renda o sol
e quedarmos durmidos
mentres cas beiras dos camiños
nacen flores novas
despois de desexalo tódolos días.

mércores, 31 de xullo de 2013

pudor.


un neno espido le
mastiga o pudor presa do espanto
a sociedade civil estende a  falofobia
e durme detrás dun espeso velo
nunha mirada fatal
unha porta estreita da a unha habitación
inmensa
todo o que nos sucede nos leva vantaxe
arroxándonos á tristeza ou a felicidade
e cóllenos desprevidos
ninguén garda  unha frase para compartir
ninguén mira o que non pode ver
agás  o que xace no desexo absoluto
unha musica que nega o son
descubrilo teu sexo e quedar aterrado
un dia un  neno entrou na tenda do seu pai
e descubriu que do seu baixo ventre
colgaban  os  “virilia patris” que o crearon
converténdose  así  no escravo dos escravos.

luns, 29 de xullo de 2013

insania.



a loucura ten unha semente unha floración
e unha colleita que non pode verse

se non é na precipitación

nun torrente violento que nada pode impedir
o destino de tódalas cousas

a fonte da loucura é non topalo segredo da felicidade
non comprender tódalas loucuras ás que te vas a atrever

a libido é máis forte que todo o que quero
non é posíbel pensar sen unha imaxe na mente

tódolos que non teñen linguaxe
toman por verdadeiros os soños artificiais

e esquecen co verdadeiramente fascinante
é todo o que perdura máis ala da súa satisfacción

e da ledicia que procura.

 

 

 

 

domingo, 7 de xullo de 2013

perforatum.



Na emboscada a luz pinta de ouro o flanco
rabuñando  o camiño antes de durmir na sombra
ala onde se esconde na vexetación
onde fan noite os paxaros
entre paredes  das casas caídas
que semellan antigas fortalezas
o río bicando as terras por onde pasa
facendo un canto solemne
para chegar antes que nós ao mar
e nadar enriba de escamas de grandes peixes
flotando no ceo enormes madeixas de nácara
os días de espera e impaciencia
perforando as follas para ser bebidos
nunha infusión de hipérico
entre a gran fatiga do pensamento.