venres, 28 de novembro de 2008

líber


unha moza patricia
medita,
e a súa mirada
licuase nunha copa
de viño negro
transportando a súa alma.

sabe que a primeira copa
amaina a sede.´

os seus ollos detéñense
no que vai escribir
enriba dunha folla de papel,
retendo o seu pensamento
en ti.

sabe que a segunda copa
produce ledicia.

non trata de convencerte
o viño non é a ebriedade,
ela quere falar da melancolía.

líber
tódolos animais
achan a súa tumba
nos nosos ventres.

sabe que a terceira copa
produce voluptuosidade.

unha moza patricia medita
apoiando a punta dun coitelo
nos seus beizos.

sabe que a cuarta copa
produce a loucura.

Líber
entra nos nosos sexos
e fainos o amor
ou senón farémosche
a guerra.

xoves, 27 de novembro de 2008

caídos.


repousamos noutro
que é o mesmo
que ansiar repousar
no noso,
apoiámonos noutros
pero somos nos igualmente
os que suxeitámonos
fora de nos mesmos
e volvemos á procura
doutro ,
alí na zona do naufraxio,
onde sospeitamos
horizontais ás estrelas,
pois o que temos
non nos chega,
mentres
esperamos que medre
a forza da marea
nas nosas veas
andamos así,
escorados,
de lado, caídos
a medias,
deixados do noso,
preferimos enganarnos
e seguir a pensar
que somos nos
os que apoiamos ao outro
esquecendo
que o noso apoio
non existe
se non temos onde,
se non temos onde
apoialo ombreiro.

mércores, 26 de novembro de 2008

cautivo.2


apestou, fedeu,
rexeitou chorar máis.
explorou nel
ata axeonllarse,
adozou todo o que viu,
disimulou,
topouse tan descoñecido,
que preguntou,
consultou,

pediu e gobernou,
foi nese momento,
inducido a servir,

fixo ao mundo
achegarse a el,
fixo ouvirse,

fixo entenderse,
seducindo ao fin,
chamou, ordenou pasar,
mirouse a se mesmo.

antes de que o sentinela
tocara a trompeta
modelouse santo,
danzou cos iguais,
prostrouse ante eles
e adorounos,
déronlle de beber
o elixir dos xustos,
cando o gardián
do seu ultimo leito
abriu a porta da cisterna
sorprendeuno colgado,
morto.
Finxíndose descoñecido
seduzo ao fin.

martes, 25 de novembro de 2008

cautivo.1


modelou todo
o que lle parecía maldito,
acendeu a lámpada
da vergoña
e deu a mamar a súa
anguria,

estivo lonxe padecendo,
pelexou, oprimiu,
desprezou, dividiu,
estendeu ás súas mans,
rebelouse, adorou,
glorificou,

compadeceuse
de se mesmo
e acadou a miseria,
liberou tódolos paxaros
e os floreiros do seu pazo,
foi feito rei,

gobernou, falou, imperou,
dominou, sepultou,
destruíu co seu alento,
todo ao seu paso,
xulgou,
foi poderoso,

namorouse, amou,
quixo,
deitouse, descansou,
madrugou,
manchou o seu leito,
tremeu durante días,

luns, 24 de novembro de 2008

encrucillado


recordo a mañá
como se a parira
entre os meus labres secos
ao pronunciarte
para logo esganar
as horas nas pálpebras,
o fume do café,
as gotas de auga
que salpican os coches
ao pasar polo carril
separando os teus ollos
dos meus,
as man índose
por momentos,
papel de fumar, tabaco,
taza, servilleta,
un crucigrama
por rematar,
algo que me impida
tocarte
por medo a romperte
e non por que non quera
dulce-romperte
entre os meus dedos
e quedar impune.

(Agradecemento: Quero agradecer aos e ás compañeiras do Colectivo Poético “A porta verde do sétimo andar” pola invitación a participar este sábado pasado no “Uf”en Vigo xunto ao “Clube dos poetas vivos” nun recital poetico-musical que xamais esquecerei. Loureiros e prosperidade a todos e a todas. Grazas.)

venres, 21 de novembro de 2008

a modo


ti abríasme.
e eu entraba
dentro de ti
ata viaxar
polo teu universo
o tempo xusto,

para repousar
no tedio
que incita a volver,
sempre coma
se fora a única
vez.

para volver
a desexar viaxar
polo contorno
interior do teu sexo,
adheríndonos
como a calor
a chama do lume
e a brancura á neve,

nun silencio
entre cortado
so por todo
o que se di a modo
cando tanto se sinte,

como unha única flor
que florece
para logo falecer.

xoves, 20 de novembro de 2008

faquir


tódolos días
agochada
no seu balcón
espérao
unha muller
para
que
a
sorprenda,
sostendo nas súas mans
unha moneca de Alexandría.

a rúa de súpeto
é un reducto de observantes,
desconfiados,
misioneiros e cirilos.

o faquir recostase
sobre os cravos oxidados
dobrando o seu corpo
como unha sombra
neoplatónica.

el é, o un, a intelixencia e a alma
mudando en éxtase,
ela mentres prancha e dobra
os vestidos da súa moneca,
non se perde ningún detalle.

ao caer a tarde
despois de aguantar
enriba duns hipóstasicos cravos,
procede a vestir a súa espalda
espida, oxidada e rota.

ela pasa a cortina,
deitase na cama
e agarrándose forte,
entre sono e sono
vaise metendo,
no ventre da súa moneca Hypatia.