sábado, 31 de decembro de 2022

nobis.


 

ora por todos

para que o silencio poda discernir

os erros que cometemos

para que nos chame

no bico do noso ouvido

por outro nome

para identificarnos por alguén

que non está aquí

e que rompe as túas entrañas

a alma que sae da terra

e que nos sorprende

esta derradeira noite

todo o que miras morreu

todo o que non ves

morrera tamén

só es libre

cando amañece un novo día

cando volves a atoparte

cando te intúes sen verte

cando o que mastigas

sabe a todo aquelo que quixeches.

 


venres, 9 de decembro de 2022

o teu.

 


se o aire xélido non debuxara

nas nosas caras un xesto obsceno

non sería de mañá

tan cedo

para enmudecer as gañas

de morderlle ao día que comeza

co canto da perdiz

batendo as ás no seu territorio

mentres permanece en si

tan cedo

amortallando os nosos pensamentos

desencantando ós negros espíritos

e ás súas débedas contraídas

unha paisaxe que nunca murcha

espectros perfectos

ao outro lado do teu

un fío condutor que nos une

dende o principio ao noso guía.

 


mércores, 2 de novembro de 2022

defuntos.

 


baixan da basílica de camiño ao rio

movendo cos puños as campás

arrastrando pola costa os ósos

como quen atravesa outro mundo

e ao seu paso

saúda dende a torre isabel de castro

muller de pardo de cela

encarcerada nos seus soños

que collendo dous versos do seu peto

ponse a chorar

andando cara abaixo van salmodiando

alá en mondoñedo

poemas superficiais feitos de pedras

levándolle flores a naide

como antes de cas palabras

fosen de carne

facéndolle unha parada

antes de que caia a casa de cunqueiro

cosendo con fío as follas que van pousando

por onde van facendo camiño

declinando eu polo de agora

ir tras esta longa sombra mortal.

 

 

xoves, 13 de outubro de 2022

sístole.

 




nalgún lugar da terra

neste momento

alguén diseca pétalos

para non aborrecer

e unha sombra

vaise de presa

baixando a escaleira

cos días contados

pola arritmia das horas

tratando de explicarse

nalgún lugar da terra

neste momento

nacen flores salgadas

e alguén enfía en cada buraco

unha castaña de barro

que colga no seu pescozo

golpeándoo rítmico

apurando a sístole

para acariñalo universo.



luns, 12 de setembro de 2022

preludio.

 


un froito ofrecese aos vivos

e preguntáselles se teñen medo

queres que isto dure sempre?

empurrado por nubes

e falsas promesas

de que vai chover

sabes cas noites non son túas

nin os rios que mecen cinsas

van fermentar a desidia

deixando caer as súas sementes

intactas na nada

nunha terra escura

para pensar detidamente

nalgún dos seus flancos

para a floración

para tentar ser inmortal.


martes, 9 de agosto de 2022

levi.


 

déixame volver lercho

deitados ata que cambie o tempo

espertan en silencio

dormen en silencio

dálles igual

os paxaros libres ou presos

os aquiescentes me fan chorar

entran polos meus poros

nas horas disipadas

vou consolándome a min mesmo

ata o esgotamento

e aínda soporto os putos pronomes

posuídos polos seus corpos alleos

para poder gastar o diñeiro

que mal me dan

e saír correndo

para salvarme falando do amor

teño unha tristura pasmosa

de non darlles o que se merecen

unha folla de rafia

e mentres frego a louza

e espero que cambie o tempo

déixame levitar para

cando estean en celo

da miña sangue non beban as hienas

cando traduzan todo isto.


domingo, 3 de xullo de 2022

ausentes.


 

xa non necesitan árbores

as árbores están ausentes

nun submundo cheo de monstros

o día é unha pílula de naftalina

e cheiro a sopa de sobre

nunha mesa de razóns autóctonas

onde se pegan as mans

semellan foran noivos para deitarse

as nubes de esterco

parecen anacos de cartón fluctuantes

enriba dos contenedores de reciclaxe

para algúns non hai cousa peor

que estar aburridos

seus ollos son briznas de herba queimada

con un sol abafante

e unha motobomba que non chega

unha rapaza rifando ao seu avó

por cargar de lume as mans do vento

e pensar que as árbores están ausentes.