xoves, 13 de outubro de 2022

sístole.

 




nalgún lugar da terra

neste momento

alguén diseca pétalos

para non aborrecer

e unha sombra

vaise de presa

baixando a escaleira

cos días contados

pola arritmia das horas

tratando de explicarse

nalgún lugar da terra

neste momento

nacen flores salgadas

e alguén enfía en cada buraco

unha castaña de barro

que colga no seu pescozo

golpeándoo rítmico

apurando a sístole

para acariñalo universo.



luns, 12 de setembro de 2022

preludio.

 


un froito ofrecese aos vivos

e preguntáselles se teñen medo

queres que isto dure sempre?

empurrado por nubes

e falsas promesas

de que vai chover

sabes cas noites non son túas

nin os rios que mecen cinsas

van fermentar a desidia

deixando caer as súas sementes

intactas na nada

nunha terra escura

para pensar detidamente

nalgún dos seus flancos

para a floración

para tentar ser inmortal.


martes, 9 de agosto de 2022

levi.


 

déixame volver lercho

deitados ata que cambie o tempo

espertan en silencio

dormen en silencio

dálles igual

os paxaros libres ou presos

os aquiescentes me fan chorar

entran polos meus poros

nas horas disipadas

vou consolándome a min mesmo

ata o esgotamento

e aínda soporto os putos pronomes

posuídos polos seus corpos alleos

para poder gastar o diñeiro

que mal me dan

e saír correndo

para salvarme falando do amor

teño unha tristura pasmosa

de non darlles o que se merecen

unha folla de rafia

e mentres frego a louza

e espero que cambie o tempo

déixame levitar para

cando estean en celo

da miña sangue non beban as hienas

cando traduzan todo isto.


domingo, 3 de xullo de 2022

ausentes.


 

xa non necesitan árbores

as árbores están ausentes

nun submundo cheo de monstros

o día é unha pílula de naftalina

e cheiro a sopa de sobre

nunha mesa de razóns autóctonas

onde se pegan as mans

semellan foran noivos para deitarse

as nubes de esterco

parecen anacos de cartón fluctuantes

enriba dos contenedores de reciclaxe

para algúns non hai cousa peor

que estar aburridos

seus ollos son briznas de herba queimada

con un sol abafante

e unha motobomba que non chega

unha rapaza rifando ao seu avó

por cargar de lume as mans do vento

e pensar que as árbores están ausentes.

 

 

xoves, 2 de xuño de 2022

amor propio.


hai que deixarse desaugar

irse como un río

no berce da mar

para soportar todo isto

é mellor non medilos tempos

nin os pensamentos

nin as palabras bonitas

imperceptibles aos nosos ouvidos

cal se foran sons das xirafas

é máis longa a vida

máis fermosa e verdadeira

pensando en árbores herbas follas

ou acender un facho

visíbel dende Marte

o outro é unha pica cravada

a un sol cheo de sangue

aqueles que se desamaron

e agora se descoñecen

en cámbeo

isto é unha bóla de pan

para soportar os días

chea de poesía

para procurar máis fame.

 

 

domingo, 1 de maio de 2022

O brinde da desesperanza.


Chorabamos e os deuses calan

confiabamos e fomos traizoados

amabamos e o seu froito foron cinzas

dabamos e o agasallo foi medido.

Sabemos que os ceos están baleiros,

que a amizade e o amor son nomes

que a verdade é unha escoura cinza,

as chamas queimadas do fin da vida.

Longo e en van esperabamos,

trala noite da crepitación humana,

por unha soa canción na arpa da Esperanza,

o un raio de amañecer na costa.

Sé, veñen cancións flotando, doce marabilla,

e chispas tinguidas cal frechas destellan;

pero o doce é mentira, e os pés cansos

corren tras un raio de luz-pantano.

Na hora da nosa necesidade, a canción vaise,

e o lamento da mar se enche de pena.

A serea se burla coa súa risa nun gurgullo

a cal se afoga no profundo tañer da morte.

A luz que perseguimos cos nosos torpes pés

como as metas de anos mellores,

oscila alto e baixo e desaparece,

das nosas bagoas eran as chispas tinguidas.

Deus é mentira, e a fe é mentira,

e dez veces máis é o amor;

a vida é un problema sen razón,

e nunca algo que probar.

Engade e resta e multiplica,

e divide sen propósito o fin.

Todas as respostas falsas, aínda falsamente verdade ,

esposa, esposo, amante, amigo.

Sabémolo agora, e xa non preocupa

Que importa a vida ou a morte?

Pequenos insectos, emerxemos da terra,

sufrido e ofrecido é o noso alento.

Como formigas nos arrastramos na nosa breve area,

soñando "cousas grandiosas"

Ei aquí que cruxen, cal cáscaras nun océano de ira,

no apuro das terribles ás do Tempo.

O sol sorriu dourado, e as plantas branco,

e un billón de estrelas sorreen, aínda;

Aínda, feroz cal nós, cada un xira cara a terra,

e non pode manter a súa vontade.

Construídas, vós tontos, súas cousas grandiosas,

o tempo as deixará en nada;

Medra abrigada coa canción da doce Mentira canta,

e a frecha falsa súas bagoas forxaron.

Para nós, unha tregua para os deuses, amores, e esperanzas,

e unha pregaria de lume e fluxo;

Unha lixeira volta no baile da morte,

e un forte hurra para a tumba!.

 

Voltairine de Cleyre , poema escrito en 1892.



xoves, 28 de abril de 2022

práctico.


as estatuas

recobran a súa pel

e volven aprender a bicarse

queres que fale

de tódolos estrategos

que veñen colgados

no forro da miña chaqueta

e debes saber que

detesto tódolos homes

e ás mulleres

por que non son práctico

nin afasto a patadas

as pedras que saen ao camiño

e debes saber que

detesto a tódolos homes

e ás mulleres

e as súas falsas verdades e penas

por que non podo determe

non podo ser simpático

nin xogar coa vida allea

que seria de min se fora práctico

se foxe humano

feriría estragaría

atravesaríame como unha pedra

na vida de calquera.