mércores, 28 de abril de 2021

aprendices.


 

repiten sempre o mesmo

ata convertela indecencia

nunha verdade

tentan educarnos

para caer sen honra

as súas palabras

dan a un andel

onde aínda teñen

unha colección de corazóns

xeados

desfilan a todas horas

nas súas pantallas

para repetir o mesmo

que fora deles todo esta mal

fora deles non hai salvación

e para os demais

todos os paraísos son perdidos

dende os seus medios

son o altofalante

para as xeracións vindeiras

vulnerándoos

son unha escaleira cara abaixo

ao alxube

onde se castiga aos diferentes

con longas ameazas

de seres que claudicaron

agora que as verdades

convértense en mentiras

para ser degustadas exquisitas

as almas feridas

polos seus aprendices .

 

sábado, 27 de marzo de 2021

pensar vivir.


 

para pensar vivir

pecha os ollos

deixa que un avión de xoguete

leve o teu desalento

por todo aquelo que nin tan sequera

chegaras saber

apúrate

por que sen pagar a pena

un día calquera

morres por unha preocupación

que tampouco é túa

a vida é un fallo

a falta de apaixonamento político

todo o que contan os xornais

fainos máis anónimos

se tes pensado vivir

non esperes nada

nin a ter sequera cen anos

para tratar de entender

que vives por que te desacouga

saber que o tempo

ven a ti cando te vas

unha estraña condición

(entre ti e o teu dobre)  

que elixes libremente

que é vivir

ser tocado/a por unha á

sen que te decates

como dicilo

o aire a luz o vento

sen que te des conta

do seu silencio connatural

sen que repares  

por que

as follas das árbores

volven por marzal

e se non fora

pola súa sospeitosa melancolía

todo morrería

no ápice da túa salvación.

 

xoves, 11 de febreiro de 2021

epicteto.

se algo ocorrese

nun repugnante sobresalto

as escaleiras de pedra

ca fariña de millo

vai encintando

os chanzos ermos

gastados dos pazos

ou o que hai sempre

mais abaixo

entre a auga e a area

e non vemos

entre o fértil plancto

e imaxinando a mar

como non é agora

non fai falta que penses

tanto

xa esta todo pensado

xira cara a ti

ai si

onde non hai arraigo

nin ningún vestixio

nin presentimento sequera

a vida xa non é como era

agás

un

delirante

encontro

malgastado

se algo acontecera

para poder contalo

un paseo perdido

todas estas palabras

sen sentido

o cheiro das túas mans

a desencanto.

 


mércores, 6 de xaneiro de 2021

xoves, 10 de decembro de 2020

vinte vinte.


non tes nada

todo o que tes déroncho

ti non tes nada

e o que cres ter

tampouco o tes

colleuno alguén

crendo que algo ten

ata que outro á súa vez

llo saque

non tes nada

todo o que tes déroncho

se cadra sen ser digno

de recibilo

no teu corazón

non tes nin latexos

paréceche que os tes

pero tamén son de outro

de un que se matou

no monte

a outra noite

e delegou en ti

o corazón que non quería.

 

 

venres, 6 de novembro de 2020

racional.


hoxe non hai nada que librar

agás unha bandada de paxaros

que sae das páxinas dun conto

e un tempo infinito para esperar

ignoro as presas

polos momentos que parece

que se foron para sempre

e que nos aferran aos días mortos

cando estamos á marxe da vida

/as bagoas nacen no cerebro/

e non necesito tempo

non necesito tempo para esperar

imaxino que me acaricias

cando o aire sopra a túa cara

ou cando pasas os pétalos dunha flor

polos teus labres entre abertos

/e volvo a espertar

no meu sistema límbico/

hoxe antes de pensar co soñaches

debuxa follas nas pólas das árbores

para comezar a irmos

cando as empece a tirar o vento

baixo a luz que vai esmorecendo

pois non necesito tempo

non necesito tempo

por que hoxe non hai nada que librar.

 

xoves, 8 de outubro de 2020

non falo.


todo o que se di

é o contrario do que se pensa

oio o que non se di

o que se revela

o negativo dunha foto

ou as palabras que se escriben

nunha folla e non se poden ler

non falo

son de moi poucas palabras

e aínda así son susceptible

a topar unha soa

unha escama de sal na lingua

para dicir salgado

e saborealo en todas as súas letras

mentres xesticulo de forma acertada

e dixiro a palabra enteira

non falo

xiro o mundo a douscentos setenta grados

para voar en silenzo

os gatos con ás

que se acicalan varias horas

para gobernar todas as noites

non falo

falar é un espazo errado

é a aparencia de quen se cre

reflexado nel.