luns, 23 de marzo de 2020

non o esquezas.


un día daba para moito
erguer o teu corpo
sometelo á intensa deprecación
facer ablucións
prover para xantar
cortar leña
plantar fabas na horta
ler a hannah arendt e.....
esperar transformar a caída en voo
calquera destes días
dan para mastigar o horror
desconfiar do vestido humano
dos moi humanos
que paseando a súa insolidariedade
ameazan as nosas vidas
facéndonos sentir un medo que non se esquece
para que nada sexa como onte
por se aínda non o tes claro
un día dá para quedar inmóbil
para sentirse só
diante da televisión
como o perfil dun penedo
sen latexos
esperando que todo pase
e non ser visto
para volver conseguir sobrevivir
cando antes era tan fácil
cando vivir era un inocente sen sentido.

xoves, 12 de marzo de 2020

refacer.


benditas as capas de po
que se pousan enriba das agullas
e desaceleran o tic tac
para apresurar
os presentimentos escondidos
debaixo das pedras
nada pode ser tan conmovedor
os acentos cascabeleiros
dun péndulo vacilante
para refacer un reloxo
de madeira sempiterna
mentres a terra se para un momento
para que poda existir de contado
un descoñecido  
que montado nunha roda cadrada
se desprace ao longo deste texto
por que ti o moves ao lelo
grazas a manter este desvarío.



martes, 18 de febreiro de 2020

inherente.





semento flores futuristas
polo camiño á feira
apaño linguas murchas
que despistado tirou o vento
para estercalas
semento tamén
todo o que non topa nome
consubstancial, realidade, sempre
cando algo sucede
todo cambia
será, pareza, empeño
para non matarme
paseo a man polo ventre
escribo enriba da dermes
para non matarme
polo que dirán
que sempre será mentira
semento flores futuristas
para arraigarme
ao oco que queda
entre un pétalo e outro
da impaciencia do desexo.








sábado, 25 de xaneiro de 2020

hipérbole.


esvaécense os ollos das pechaduras
para que non fuxa a miña memoria
un instante tan sequera
para poder avivecer
toco o lombo dun libro
por que teño confianza
nos momentos irreais
ignoro o que é inalcanzable
agás a auga que desfai
os trazos de tinta nun papel
estou tratando de conter o que se vai
improvisando un despois
eu podo escribir
por que mo esixo
mil veces mil
e volvo a intentalo outra vez
como respirar o que me mata
como alimentarme do veleno
das letras que van ordenándose
en ringleiras absurdas
na miña cabeza
e non podo matalas
por que son a miña nai
o meu pai
unha familia extinguida
o meu tormento e a miña felicidade
camiño como se foxe de volta
gardando no peto
un pouco do que me queda
os nomes das cousas
que abanéanse na punta da escrita
por un momento parecen
quedar inmóbiles
despois dun breve abrazo
un neno hipérbole
nun bambán
volvese bambear
cando se apaga a luz do día.


sábado, 18 de xaneiro de 2020

Estatística do blog.

Visualizacións neste momento: 5
Visualizacións da páxina de onte: 14
Visualizacións nos últimos 12 días: 93
Visualización da páxina no mes pasado: 582
Historial total de visualizacións: 47.324
Visualizacións por  países: España,Francia, 
Países Baixos,A India,Os Estados Unidos, 
Alemaña,Exipto,Indonesia,Letonia,Tailandia.
Moitísimas grazas a todas e a todos os que 
se achegan ata aquí e animan coa súa presenza 
a continuidade deste blogue facendo desta 
representación estética do cotián un espazo expresable .
Grazas por facelo voso e  por devolverme as vosas emocións.
Enrique Leirachá.

xoves, 19 de decembro de 2019

seres Non.



pregúntome un polisema
temporal por exemplo
mido o tempo
(mide o tempo)
ou ben unha torboada
como unha rutina
unha elección sen sentido
da que nunca estará a salvo
grazas á súa familia
síntese invisíbel
intocable
para continuar matando
por amor
(por desamor)
por disdegno
desexa que suceda
para que suceda
detesto ter que escribir
(detesta ter que escribir)
por que ao imaxinalo
xa o vin antes
(xa o viu antes)
xa o escribín
(xa o escribiu)
e sei mellor que ninguén
(e sabe mellor que ninguén)
o que esta pasando
(o que lle está a pasar)
no pensamento
ese certeiro francotirador
que abate aos seres Non
e planta sobre eles
un bulbo
algo tan comprensible
como sobornalos
para que non digan seu nome
para que non den pé
a outro polisema
todo remata moi parecido.