sábado, 17 de marzo de 2018

elías.


as aparencias modificables
son pedras tiradas nos camiños
das casas baleiras
dos que se foron provisionalmente
sen chegar a ser
elías mira os enderezos mudos
e na súa man posase un saltón
polo que pasa un tren
sen apeadeiro
agás un suspiro para conmoverse
e palpitar de xubilo
para que as cousas tomen nome
e mudar o seu pensamento
qué é o que se lle permite esperar
sabe que ninguén pode pintar
o azul tan puro dos seus ollos
xa non ten medo
a non ter nada
nun mundo determinado
cheo de incertezas
sen oportunidades
elías ante o seu destino
de kantiana repetición
suspira con violencia para conmoverse.




venres, 9 de marzo de 2018

aínda.


matar a historia
esta fatalidade
para resucitala memoria
contada por ti
aleitando a dor a escuras
o enigma home-muller
por descifrar
as vidas que choran
a nosa consanguinidade
unha dura supervivencia
aínda lonxe
da fraternidade dos sexos
por obra e desgraza
da frixidez do pasado
un alimento que produce fame
que soterra o amor
e sementa a traxedia
que sega o futuro
e constrúe un templo en ruínas
un soño rematado
matar a indiferenza
para que caía o protagonista
para que exista a decencia
para vivir nun universo común
para habitalos mesmos intereses
os mesmos espazos
vivir ou morrer ese pasado
para vivilo futuro en igualdade
e precipitar a morte desta decadencia
por que ti non es
o que o home quere que sexas.


luns, 26 de febreiro de 2018

inválidos.



cando raie o día
podedes seguir mandándome
un inútil recado
ou un ramallo de nonmesquezas
tecer unhas pesadas trenzas
para levar na cabeza
para meditala distancia
que entre vós e eu queda
para non quitarme
de enriba este peso
para seguir malvivindo
estes derradeiros días
cando raie o día
que me fai estar ausente
de tódalas delicias
quen nos recoñecera mañá
se non é a alma da poesía
co seu cálido éter
cando caian os canastros
voltara a vir á nosa memoria
a semente que garda algo de nós
e fartos de ser submisos
conforme ao falso amor
que profesades
nas paredes onde as vosas sombras
acougades
para que as alimente o aire
fartarémonos dunha gran mentira   
a falta de esperanza
para seguir mantendo
as nosas lacerías.


venres, 2 de febreiro de 2018

hebdomeros.


entre os piñeiros mártires
nunha plataforma
o rei lear sorprendía aos paxaros
perdendo a súa humildade
ante a mirada insólita
dun matrimonio etrusco
pero á forza de permanecer sobre ela
de bruzos petrificouse

a hebdomeros inquietábanlle
as cabezas dos paxaros
o mal polo mal
xogar ao fútbol cun zapato vello
para perder a nostalxia
para ser como os demais
e non podía ser certo
svetonia! esvetonia!

fíxose a luz na súa mente
fuxir si fuxir fuxir a onde fora
fuxir como fora pero fuxir
agora cas sombras dos reloxos
marcaban a media noite
correr como os cans
dos homes mudos
entre as ringleiras de traficantes

sifilíticos ou blenorráxicos
entrenados no difícil xogo
de dobrar o ángulo das súas miradas
para deixalas sobre as paredes
disecadas de escorzo
cando as velas negras dos piratas
aparecían
e da única arma que se falaba
era do cañon
por que ninguén tiña un na súa casa

historia mentres sentábase nunha nube
e mercurio voando miraba cara abaixo
axitando o seu caduceo
ante o aburrimento dunha vida ordenada
de balcóns cheos de pedantes
de seres que non morren de gozo
ou aos que lles invade a seguridade
de recibir na hostia ao Deus no que cren

aquela noite hebdomeros
volveu á súa casa
para durmir o soño dos xustos
pero deuse volta no seu leito
e ela faloulle da inmortalidade

xamais pensaches na morte
da miña morte?

hebdomeros deixou de pensar
ante a brisa de aquela voz
foi lentamente cedendo
deixándose de todo
para recobrar outra vez forzas
para recibir un so golpe certeiro
para pechar o derradeiro elo
co separaba da gloria.


sábado, 27 de xaneiro de 2018

nicanor adeus.


alá con Rimbaud e Budelaire
coas almas da clase media
nun ceo por magoa capitalista
con anxos nerudianos
so cambiando os decorados
para ser o mesmo momo
servíndovos en pratos finos
os delicados friames dos poetas
para non perturbar
os vosos amortallados corpos
xa non hai que lembrar as tradicións
como ti dicías
son tíckets e boletos de feira
xa pouco o nada importa
non é que non se poda dicir
é que non se di nada
en falso vivimos é certo
neste modelo absurdo
aquí abaixo
neste mundiño cheo de mascaróns
que nin denuncia nin esperanza deixan
nin cren nin din nada
por mais que escribir tentan
senón os seus cínicos artificios
coas súas solemnes fachendas
deixádeme rir!
mascullan entre eles
as súas boubas poéticas
para pasar a posteridade breve
sen conduta
sen cambiar modos de ver o mundo
salvadores de todo prexuízo
sen cambiar unha soa letra
non se pon nada que non se deba
pois non entra nos seus dous minutos de grandeza
esta ben así!
non hai salvación nin se quere
para o resto dos mortais
mentres alá arriba vós degustades
as virtudes da morte e os friames
permitídeme
que aínda que non teño velas
para este enterro
rir como un antipoeta
acaso vivir no caos
entre tanta fame e miseria
é crer que non xira a terra?.



venres, 12 de xaneiro de 2018

brúa.


brúas por non saber esperar
dormes
por non saborear a felicidade
por que che parece irreal
mátaste antes que desexar
o deserto
Deus espera co denuncies
e por medo á dor
sementas unha veiga
de almas ausentes
os homes fortes non teñen coidado
de manterse
os demais deciden
para crear cidades
onde non deberían de existir
as que ninguén ven a soñar
para  que ti sigas renunciando
cada ano a unha vida máis digna
non para curar aos cegos
se acaso para co teu quentador funcione
non para alimentar a catro mil
senón para escoller o tipo de leite
non para resucitar a Lázaro
e á desgraza chámaslle casualidade
aos pés da cama para sentir a emoción
de ser o ladrón da túa vida
acosado por ti mesmo
máis  para dubidar un momento
brúa
co medo produce mais proezas ca valentías
por exemplo
Deus espera co denuncies
deixa de  atormentarte pola incertidume
brúa por que canto máis o fagas
máis aumentara a sede do teu bruído
por que Deus sigue calado
esperando co denuncies.


xoves, 23 de novembro de 2017

a súa vontade.


cando o corpo durme
prescinde de tódalas cousas
ata confundirse na súa sorte
que resulta un estorbo
para toda a razón

a carne non serve para nada
agás para reter os sentimentos
para humillalos
no medio do seu marmulo

pero non é doado
provocar as malas relacións
do pensado corpo
a significación dos seus actos

non sexa
que nos propaguemos ata o infinito
tan semellante
a relación entre os seres

a vida sempre volve a buscarnos
a súa vontade regra os nosos actos
so a carne nos envilece
o tedio da realidade nos anula
é peor non saber
que non ser consolado

ah terra!
sinto horror de ti
dos teus habitantes perfectos
ben alienados
sen remordementos

insípidos pola novísima dieta
antídoto de todo o que atormenta
rexeitamento dos seres débiles
coa súa idolatrada indiferenza

cada noite cando o corpo durme
por graza a vida volve a buscarnos.