xoves, 3 de xaneiro de 2013

sorrí!.


un ano nace das cousas absurdas
sen expoñelo á tentación
un pecado glorioso
queimala leña que nos queda
por facer algo
atravesala man deserta
camiño dunha noite mediocre
un ser honrado
unha comedia a representar
esperando  a tormenta
para en vano axitarse
presos pola pereza
máis obrigados polo egoísmo
inmobilizado o espírito
nos tiques das areas comerciais
prometéronme o fin do mundo
mentres repartían a tarta
comesta con culleres diferentes
para non contribuír a ningunha vitoria
podemos cambialas palabras
máis os xestos nos seguen delatando
o fin do mundo esta nos museos
nos cadernos  esquecidos
nos fogares desahuciados
como unha continuación do pasado
non é o que fomos antes
é o que somos agora.

 

 

 

venres, 21 de decembro de 2012

manilio.


non sei nada de ti máis cas tinieblas
que me arrodean
recorrer ao ceo para saber que facer
este determinismo que golpea
tódolos pasos que dou
todo o que esta fora do noso control
condiciona ás nosas vidas
o poder celestial rexia a sorte
canta é a liberdade que gozamos
antes de nacer incluso
antes de pensar xa esta pensado
e non ten por que ser motivo de temor
senón de risa de felicidade inesgotable
cegos de fortuna
nunha man o destino e noutra a providencia
pódese explicar todo o que ocorre
so hai que escoitar o que acontece
mais próximo a nós
tan próximo a nós que esta tan dentro
todo por graza volve á tranquilidade
nada cambia o sabor do océano
e o sufrimento é unha oportunidade
para a virtude
por elo é idóneo rexeitala boa sorte
para non adormecerse
deixarse mancillar como as polas das árbores
ao vendaval  para non romperse
non son escravas da natureza
senón a propia natureza
onde non existe a infelicidade
perdémola providencia o benévolo
pero aínda podemos contemplar
toda a beleza dos ceos.

luns, 10 de decembro de 2012

destro.


temos unhas mans que levan
ollos na palma
e os dedos rematan en ideas
non esculpen se non é preciosismo
estruturas acertadas
arquitecturas imaxinadas
entre unha grande euforia
frecuentando do divino  o máis humano
así de sincero como o ritmo dun verso
cicelado esculpido pola man tamén
antes de estenderse nesta folla
e ser lido para procurar todo este silencio
…………………………………………………………
…………………………………………………………

temos unhas mans perigosas
a punto de ser presas
unhas mans condenadas a agocharse
no peto non por frío senón por medo
a un fracaso ditado polos que lles interesa
unhas mans rotas a pesares de feitas
temos unhas mans tan grandes
coma toda a honra sen usar

non por que non se queira.

 

mércores, 28 de novembro de 2012

cheos.

non sei moi ben quen escribe
quen o esta facendo
que parte do que escribe esta a marxe
de noite pode ser que faga frío
en todas partes menos no carallo
aquí non hai mentiras
e quen as sementa non obtén beneficio
a soidade cheira a fotografía amofada
onde se pode ver a un neno
dándolle de comer flores aos porcos
e paseando pola súa perna unha lesma
non hai solidariedade posíbel
mentres a igrexa saque beneficio
da pobreza da nostalxia da fatalidade    
non vai mal! aquí  no carallo
non nos serve de moito pero
sábese o que en calquera outro sitio non se sabe
estamos cheos de sinceras promesas
e do prometedor futuro dos nosos bicos.

luns, 12 de novembro de 2012

imos!.


para facernos erguérmonos cedo
cheos dunha estraña paz interior
para acadar todo o plenodía
liberarte desinteresadamente sen astucia
como viaxar dende aquí sen moverse
por cada momento súbito da paciencia
a escrupulosidade de tódolos movementos
espiados por un
e de toda a hostilidade que xera
que mala sorte!
non se trata de comprender
tratase de refacer de facerse amar
para vivir en igualdade
de anular aos mediocres
xa non se loita se sacrifican os soños
as esperanzas
todo aquilo que pon en perigo
“a felicidade dos outros”
non se pensa no que non se ten.

sábado, 3 de novembro de 2012

si le grain ne meurt.


se a semente morre
a noite medra de presa nun tormento
nas follas dun diario intimo
cheo de desesperación
de canto tempo me queda para sentilo
navegar sobre a mala morte
conseguireino!
se algo podo salvar penso
non pode ser máis que este esgotamento
polo que me deixo ir cheo de esperanza
atravesar coa xema do dedo as errogas
os tempos as estacións as idades
se fora o meu corazón
deixaríame morrer alegremente esta tarde
neste soño de novembro
entre o voo das pegas e os corvos
abrumado entre nubes patéticas
en troques voume nun debuxo
eu tamén herdei da miña nai
adornar aos que amo
entre garabatos e borróns de cores
e figuras despintadas de cabalos galopando
tanto máis desolados estamos canto menos o sabemos
se a semente morre antes de atravesalo océano
 no fondo do teu ser repregase a ansia
todo o que pon en perigo a paz mundana
tódalas horas da noite navegando nun debuxo
 xa non se loita para volver a un mesmo
e tódolos reflexos deste mar de papel
producen dentro de min esta indulxencia.

venres, 12 de outubro de 2012

fenda.


quizás nunca tivemos nada
así cal hoxe
un feixe de recordos non desexados
para queimalos nunha fogueira
no refuxio que tanto acariñamos
neste tramo final que leva
a unha abertura
despois dun paseo polo arboredo
quizás sempre estivemos así
mirando ó un para o outro
pendentes de cando medra o caruncho
gardando as forzas para facer un sacrificio
cando parece que non queda máis
que morrerse dun malentendido
sen posibilidade de compadecerse
como os que non teñen ningunha relixión
agás a arrogancia de escoitar o canto dos grilos
quizás sempre estivemos así
a piques de compadecernos
sen renunciar a nada
sen poder abrila cabeza.